Vázquez Mejuto solicita ao Goberno levantar o embargo dos fondos do Plan de Vivenda das anualidades 2020 e 2021 comprometidos xa en actuacións para os galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aclara a representantes dos administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios que Galicia xa comprometeu un 63% en convocatorias publicadas e un 32% en convocatorias en tramitación dos fondos dos anos 2020 e 2021

Lamenta que se modifique o Plan de Vivenda, sen consulta previa ás comunidades autónomas, para financiar decisións do Goberno central, que non tratan unha solución para as persoas afectadas pola situación económica xerada polo COVID-19, senón que vai máis alá

Ángeles Vázquez estimou que os fondos extraordinarios que recibirá Galicia e reorientando outras convocatorias, a Xunta habilitará case 7 M€ cos que poderá axudar a 4.300 persoas aproximadamente

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá que a Xunta vén de demandar ao Goberno do Estado paralizar o embargo dos fondos actuais do Plan de Vivenda, relativos ás anualidades 2020 e 2021, pois xa están comprometidos en distintas actuacións e accións para os galegos.

A conselleira de Medio Ambiente –xunto co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto- mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes dos administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios para abordar as últimas medidas en materia de vivenda aprobadas polo Goberno do Estado, a través do Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo.

Ángeles Vázquez lamentou que o Estado non prevé unha dotación orzamentaria nova acorde ás medidas que se adoptan, nin en contía nin en anualidades; senón que pretende facer unha reestruturación dos fondos actuais cos que están dotados os vindeiros dous exercicios do Plan de Vivenda, os cales Galicia –ao igual que outras comunidades autónomas- xa teñen reservados para a posta en marcha das distintas liñas e programas que anualmente se convocan; e tan só establece unha nova partida, de 100 millóns de euros, para todos os afectados a nivel estatal.

Aclarou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten consignados os fondos do Plan de Vivenda nun 63% a través das convocatorias publicadas e nun 32% en convocatorias en tramitación; polo que o orzamento do Plan de Vivenda dispoñible limítase a un 5% do total, o que se traduce en 1,2 M€ que a Xunta podería dedicar ás medidas establecidas para paliar as consecuencias provocadas pola crise do Covid-19 en materia de vivenda.

Vázquez Mejuto afirmou que a decisión adoptada polo Goberno do Estado non é realista, ao insistir en que os fondos do exercicio 2020 e 2021 xa están comprometidos, e lamentou que o Goberno de Sánchez adoptase unha decisión deste calado sen consultar previamente ás comunidades autónomas. Nese sentido, reiterou que –tal e como xa avanzou onte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo- o departamento que dirixe solicitou ao Goberno que non avance por ese camiño e non se minoren os fondos do Plan de Vivenda das rexións para financiar as decisións do Goberno central.

Explicou que as ferramentas que adopta o Estado para axudar aos galegos a manter e sufragar o alugueiro das súas vivendas, pasan por modificar o Plan de Vivenda 2018-2020, polo que non se trata dunha solución para as persoas afectadas pola situación económica xerada polo COVID-19, senón que vai máis alá.

A conselleira tamén lles trasladou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana disporá unha partida de 100 M€ -procedente do Fondo de Continxencias- para o conxunto das comunidades, da que Galicia recibirá 5,7 M€. Segundo os cálculos realizados polo IGVS, esta cantidade permitirá subvencionar a renda de máis de 2.300 fogares por un período de 6 meses. “Unha cifra moi por debaixo das persoas susceptibles de solicitar dita axuda, polo que cos fondos extraordinarios e reorientando outras convocatorias, Galicia habilitaría recursos para axudar a 4.300 persoas aproximadamente”, detallou.

Por último, a conselleira agradeceu o interese dos representantes dos administradores de fincas e dos axentes inmobiliarios sobre o alcance destas medidas propostas polo Goberno do Estado e comprometeuse a recoller e trasladar as consideracións deste colectivo para remitirllas ao Ministerio, co fin de obter unha maior precisión do alcance das medidas, así como de novos posibles instrumentos para a súa implantación.

Imaxes relacionadas