As dúas unidades de desinfección por ozono da Xunta limpan esta semana vehículos de seis agrupacións de Protección Civil e GES da provincia
Onte desinfectaron vehículos das AVPC de Pol, Vilalba e O Vicedo e para mañá está previsto limpar os das agrupacións de Lourenzá e Guitiriz e do GES de Monterroso
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que estas unidades prestan servizo aos coches da Policía Autonómica, así como os de Protección Civil, Policía Local e os da propia administración
As dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono que puxo en funcionamento a Delegación Territorial da Xunta en Lugo levan a cabo esta semana a limpeza de 12 vehículos de seis agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia.
Onte ocupáronse da limpeza de seis vehículos das AVPC de Pol, Vilalba e O Vicedo (dous por agrupación); e para mañá está previsto que desinfecten equipamento das AVPC de Lourenzá e Guitiriz e do GES de Monterroso (tamén dous vehículos por cada unha).
O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, apuntou que esta é unha das iniciativas adoptadas pola Xunta para tratar de frear a expansión do coronavirus, neste caso hixienizando recursos de servizo público.
Estas unidades utilízanse para desinfectar os coches da Administración e da Policía Autonómica, así como os das agrupacións de Protección Civil e Policía Local dos concellos da provincia.