A Xunta solicita protocolos claros a nivel estatal para que o comercio reinicie a súa actividade ofrecendo a máxima confianza aos consumidores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reclamou na Conferencia Sectorial de Comercio instrucións precisas sobre como se vai proceder á reapertura dos establecementos

Defende a necesidade dun plan de acompañamento desde o punto de vista laboral, que aclare tanto a situación dos Ertes como dos autónomos que están vinculados ao cese de actividade

No marco do plan de reactivación do comercio que a Xunta está a elaborar co sector en Galicia, creouse un grupo de traballo para impulsar medidas en materia de prevención

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Comercio protocolos claros de actuación a nivel estatal para que o comercio poida abrir de novo ao público ofrecendo a máxima confianza aos consumidores.

No encontro, celebrado de xeito telemático e ao que foron convocadas todas as comunidades autónomas, o conselleiro reclamoulle ao Goberno que recolla instrucións precisas sobre como se vai proceder á reapertura dos establecementos, xa que hai moitas dúbidas entre os comerciantes sobre como vai ter lugar a volta á actividade.

Neste sentido, Conde indicou que o sentimento do sector nestes momentos é de “desasosego e preocupación” ante un proceso de reactivación económica que cualificou de “improvisado”. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que non existe un plan de acompañamento desde o punto de vista laboral, que aclare a situación tanto dos Ertes como dos autónomos que están vinculados ao cese de actividade, para acompasar a reactivación coa súa situación laboral.

Por iso, apuntou Francisco Conde, “esperamos que o Goberno traslade con claridade de forma inmediata toda esta situación, e desde logo a Xunta de Galicia vai seguir colaborando non só co Goberno senón tamén co pequeno comercio”.

A Xunta está a elaborar xunto co sector un plan de reactivación do comercio galego, dentro do cal xa se creou un grupo de traballo para impulsar medidas en materia de prevención. O obxectivo primordial do plan é promover que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, incentivando a demanda con campañas promocionais; impulsar a dixitalización e promover a prevención con medidas como o acondicionamento dos locais ou os novos protocolos de atención ao público.

No encontro celebrado esta tarde, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que Galicia defende unha reactivación do comercio na que as comunidades poidan decidir con certa flexibilidade de acordo ás súas circunstancias, e lembrou que a Xunta avoga por que o criterio xeográfico para a desescalada sexa o das áreas sanitarias, cun tratamento específico para o rural.

Imaxes relacionadas