O Real Club Náutico de Sanxenxo e Sadamar súmanse aos portos deportivos galardoados con Bandeira Azul
Doce dársenas galegas contan co distintivo de calidade que vén de outorgar a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor para esta tempada estival
As dársenas deportivas do Real Club Náutico de Sanxenxo e Sadamar veñen de sumarse á lista de portos deportivos galardoados co distintivo de calidade Bandeira Azul. Un total de 12 dársenas galegas, once de elas de titularidade autonómica e unha estatal, recibiron este recoñecemento que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, para esta tempada.
Os peiraos con Bandeira Azul este ano son o Monte Real Club de Iates de Baiona, Club Náutico Portonovo, Porto Deportivo Juan Carlos I (Sanxenxo), Club Náutico San Vicente do Mar (O Grove) e Real Club Náutico de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra. Na provincia da Coruña, os galardoados son o Club Náutico Marina Cabo de Cruz (Boiro), Club Náutico Camariñas, Club Náutico Sada, Porto Deportivo Sadamar, Real Club Náutico A Coruña-Marina Real e Real Club Náutico Portosín. Finalmente, na provincia de Lugo recibiu o distintivo o Real Club Náutico de Ribadeo.
Portos de Galicia felicita aos xestores náuticos por este recoñecemento e valora de xeito moi positivo o esforzo que se fai desde os clubs náuticos, marinas e empresas xestoras para cumprir cos esixentes parámetros do galardón. Coa súa obtención, os xestores náuticos sitúan as instalacións galegas como referentes estatais no sector da náutica de recreo.