A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada á prevención e ao control da covid-19 en Mozambique

A intervención permitirá atender a máis de 730 persoas que recibirán lotes de hixiene e coñecerán as medidas que deben levar a cabo para contribuír a reducir o risco de propagación do virus

O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias, co obxectivo de levar a cabo unha intervención de prevención e resposta á pandemia do coronavirus en Mozambique, en concreto, na provincia de Manica.

A actuación levarase a cabo cunha ONGD local para mellorar a preparación da poboación en zonas como o distrito de Sussudenga ou Manica ante a covid-19 mediante o subministro de lotes de hixiene e o reforzo da concienciación para previr a propagación do virus con boas prácticas de hixiene e de lavado de mans, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

Esta iniciativa permitirá atender a unhas 732 persoas, que recibirán 366 kits e coñecerán os aspectos hixiénicos necesarios para previr o contaxio do virus. Ademais, colocaranse carteis con información sobre como proceder a reducir o risco de proliferación do coronavirus nos lugares máis transitados pola poboación como mercados, igrexas, hospitais ou escolas.

A poboación de Mozambique atópase nunha situación complicada debido a que a debilidade dos sistemas de saúde dos países de África subsahariana limita a capacidade de resposta ante brotes de enfermidades como a covid-19 que requiren dunha asistencia inmediata e medidas urxentes.

Ademais, a provincia de Manica, que xa se viu afectada polo paso do ciclón Idai en marzo de 2019, conta cun emprazamento de desprazamentos internos cunha elevada densidade de poboación e non dispón de servizos sanitarios preparados para facer fronte a un brote pola expansión do virus.

Debido á evolución epidemiolóxica do coronavirus en Mozambique, impuxéronse restricións no transporte público e esperase que a situación poida empeorar, o que terá consecuencias directas na seguridade alimentaria debido a que a carencia de alimentos é outra das ameazas neste país, xunto coa covid-19.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.

Imaxes relacionadas