Galicia mantense como a comunidade autónoma co mellor tempo de pago a provedores, segundo o Ministerio de Facenda
Ao peche do mes de maio, o período medio de pago en Galicia é de 13,2 días, menos da metade que a media autonómica (34,9 días)
A débeda comercial de Galicia tamén é das máis baixas de España
O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia pechou o mes de maio sendo a comunidade autónoma co mellora tempo medio de pago a provedores de España, tal como mostran os datos do ‘Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas’ publicado hoxe.
O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do mes de maio situouse en 13,2 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 34,9 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas en menos da metade de tempo que o conxunto das comunidades.
En canto á evolución da débeda comercial, os datos do informe elaborado polo Ministerio de Facenda tamén sitúan a Galicia como unha das comunidades autónoma con menor débeda comercial de España ao peche do mes de maio.
Segundo o informe do ministerio, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de maio no 0,14%, menos da metade que a media autonómica, que foi do 0,39%. Ao peche do mes de maio, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.365 millóns de euros, dos que só 82 millóns –o 1,9% do total– corresponden a Galicia.
PMP – Maio 2020 (CCAA réxime foral)
1 Galicia 13,2 10 Murcia 32,1
2 Canarias 16,5 11 Castilla y León 33,0
3 Andalucía 16,9 Media CC.AA 34,9
4 País Vasco 21,4 12 C.Valenciana 36,0
5 Asturias 23,4 13 Aragón 39,0
6 Castilla-La Mancha 23,6 14 Cantabria 41,5
7 Extremadura 26,9 15 La Rioja 47,3
8 Navarra 28,1 16 Baleares 48,4
9 Madrid 28,2 17 Cataluña 52,0
Fonte: Ministerio de Facenda