A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde os participantes nesta actividade
O campo de voluntariado 'A fábrica da luz' da Xunta de Galicia pon en valor o patrimonio de Cerdedo-Cotobade
Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nesta iniciativa, que forma parte da Campaña de Verán
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde no concello de Cerdedo-Cotobade, en compañía do alcalde, Jorge Cubela, o grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado que se está a desenvolver.
As mozas e mozos participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30, colaboraron na realización dun documento audiovisual que poña en valor o patrimonio histórico e natural do concello de Cerdedo-Cotobade, aproveitando, entre outros espazos, a actual rehabilitación do centenario balneario de San Xusto.
Ademais disto, tamén desfrutan doutro tipo de actividades de ocio e lecer como dinámicas de grupo, obradoiros, roteiros, paddle surf ou visitas a lugares como Santiago de Compostela ou á Illa de Arousa.
Cómpre lembrar que a Consellería de Política Social ofertou neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte á covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.
En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.