Jacobo Rey, Fernando González e Antón Acevedo toman posesión como novos directores xerais de Familia, Maiores e Atención Integral Sociosanitaria respectivamente

Jacobo Rey Sastre asume a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica en substitución de Amparo González

Á fronte da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade sitúase Fernando González Abeijón, que releva a Ildefonso de la Campa

Créase a nova Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que terá á fronte ao doutor Antón Acevedo Prado
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu esta mañá o acto de toma de posesión dos novos directores xerais do seu departamento. Alí destacou que os cambios non xorden do descontento, senón da necesidade constante de novas ideas, novas maneiras e novas respostas para atender ás necesidades da cidadanía. Así mesmo, agradeceu o traballo e dedicación dos dous directores xerais saíntes: Amparo González e Ildefonso de la Campa.

En concreto, Jacobo Rey Sastre, tomou posesión como director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica en substitución de Amparo González e tras desempeñar nos últimos sete anos tarefas como xefe de Comunicación da Consellería de Facenda. Fabiola García puxo en valor a súa ampla experiencia e a súa dedicación e enxeño. Unhas calidades que, apuntou, serán útiles para as familias galegas.

O novo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, en substitución de Ildefonso de la Campa, é Fernando González Abeijón. Na actualidade exercía como subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. A conselleira destacou a súa vocación como empregado público, o que lle permitirá, asegura, estar á altura do que necesiten as entidades, profesionais e usuarios dos servizos de atención ás persoas maiores e persoas con discapacidade.

Ademais, tamén tomou posesión como director xeral do novo departamento de Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado, médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública. A conselleira lembrou que este novo departamento nace cun dobre obxectivo: por un lado, axilizar e simplificar a entrada no sistema de atención á dependencia, e por outra, garantir unha atención sanitaria de primeiro nivel para todas as persoas usuarias de servizos sociais.
 

Imaxes relacionadas