‘Farruco’ recolle semblanzas de santiagueses singulares no seu libro ‘Eles e mais eu. Compostelaneando’

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao actor e humorista compostelán no acto de presentación da obra, que se celebrou na praza do Toural

O volume, que conta cun limiar de Suso de Toro, está editado por Galaxia coa colaboración da Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao coñecido actor e humorista Xosé Luís Bernal Farruco, no acto de presentación do libro Eles e mais eu. Compostelaneando, no que o persoeiro compostelán fai memoria da súa cidade a través de semblanzas de santiagueses singulares.

Valentín García animou á lectura deste traballo, “non só aos composteláns, que gustarán de rescatar a memoria da súa cidade a través dos personaxes máis singulares do seu pasado recente, senón a todos os galegos, que seremos un pouco máis santiagueses tras coñecermos unhas semblanzas que nos achegan a vida desta urbe ata facérnola tamén nosa”.

Xunto co representante da Xunta de Galicia, interviñeron na presentación de Eles e mais eu. Compostelaneando Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; o escritor Suso de Toro, autor do limiar, e Xosé Luís Bernal Farruco, autor do libro. O acto foi presentado pola comunicadora Marga Pazos e estivo amenizado polos músicos Kike Azambuya Jazzman e Grigori Nedabora.

 

Semblanzas de composteláns destacados e curiosos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora na edición deste libro que dá ao prelo a Editorial Galaxia. Nel o actor e humorista Xosé Luís Bernal Farruco (Santiago de Compostela, 1942) fala da súa relación coa cidade onde naceu a través dos personaxes máis destacables e curiosos do seu tempo: as Marías, Maruxa e Coralia; Modesto El Churrero; Zapatones, o propio Farruco e moitos outros homes e mulleres singulares, que son contemplados cunha ollada capaz de crear historias que merecen ser contadas.
 

Imaxes relacionadas