Galicia aumenta o diferencial de ratio débeda/PIB coa media autonómica ata os 6,5 puntos
Este indicador é superior ao rexistrado no mesmo período de 2019 como consecuencia da subscrición de créditos a curto prazo para axilizar o pagamento aos provedores e aumentar a súa liquidez por mor da covid-19
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008
O Banco de España volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor endebedamento de toda España, tal como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo organismo regulador.
En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia sitúase no 19,6% ao peche do segundo trimestre do ano. Galicia amplía así o diferencial coa media autonómica, sendo 6,5 puntos inferior á media de comunidades (26,1%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.
A ratio de débeda/PIB de Galicia no segundo trimestre é superior en 1,3 puntos ao rexistrado no mesmo período de 2019 (18,3%). Este incremento é consecuencia da subscrición de créditos a curto prazo para axilizar o pagamento aos provedores e aumentar a súa liquidez por mor da covid-19, tal como estableceu o Plan de tesourería impulsado pola Xunta de Galicia. De feito, os datos oficiais do Ministerio de Facenda sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma con menor período medio de pago ao peche do primeiro semestre do exercicio, cunha media de 13,23 días.
Volume de débeda
En canto á evolución do volume de débeda, os datos do Banco de España indican que a débeda do conxunto das comunidades autónomas aumentou a 305.689 millóns de euros, dos cales o 3,92% -11.971 millóns- se corresponden coa Comunidade Autónoma de Galicia.
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.
RATIO DE DÉBEDA/PIB POR CCAA
*CC.AA. de Réxime Foral
2ºT | ||
1 | Canarias | 14,6 |
2 | País Vasco* | 14,9 |
3 | Madrid | 15,8 |
4 | Navarra* | 18,1 |
5 | GALICIA | 19,6 |
6 | La Rioja | 20,4 |
7 | Asturias | 22,1 |
8 | Andalucía | 22,7 |
9 | Castilla y León | 23,2 |
10 | Aragón | 24,1 |
11 | Extremadura | 25,2 |
12 | Cantabria | 26,1 |
TOTAL CCAA | 26,1 | |
13 | Baleares | 29,4 |
14 | Murcia | 33,8 |
15 | Cataluña | 35,9 |
16 | Castilla-La Mancha | 38,7 |
17 | Comunidad Valenciana | 46,0 |