O Parque Nacional das Illas Atlánticas colabora por sexto ano consecutivo nun proxecto de seguimento de aves migratorias

Durante o mes de setembro unha quincena de voluntarios realizaron tarefas de anelamento científico e de censo visual e auditivo nos seus percorridos polas illas de Cíes e de Ons, capturando en total 447 exemplares de 40 especies diferentes

A orixe do programa remóntase ao ano 2013, a iniciativa do Grupo Ibérico de Anelamento, e grazas á información recompilada desde entón constatouse a importancia dos arquipélagos galegos como punto estratéxico de refuxio e aprovisionamento para as especies paseriformes do norte e do centro de Europa
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2020

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acolleu o pasado mes de setembro a un grupo de voluntarios que participan nun ambicioso proxecto de seguimento da migración das aves procedentes do norte e do centro de Europa no seu percorrido cara a lugares máis cálidos. Por sexto ano consecutivo, a dirección do parque colabora nesta iniciativa, que se leva a cabo grazas ao programa de voluntariado do Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) e na que xa teñen participado ata o momento unhas 90 persoas.

Aínda que os arquipélagos das Illas Atlánticas son principalmente coñecidos pola súa importancia para as aves mariñas, o seu papel na migración das especies paseriformes (comunmente coñecidas como paxaros) ten sido menos estudiado.

Por este motivo, o Grupo Ibérico de Anelamento co apoio e colaboración da dirección do Parque Nacional decidiu poñer en marcha este proxecto de seguimento cun dobre obxectivo. Por unha banda, desvelar a importancia das illas de Cíes e de Ons como puntos estratéxicos de aprovisionamento de enerxía para os paxaros durante o chamado paso postnupcial, e pola outra, contribuír ao monitoreo da migración destas aves a escala global.

De feito, grazas aos seis anos de traballo deste programa logrouse obter información clave para valorar e constatar a importancia das Illas Atlánticas como zona de refuxio e aprovisionamento para as aves na súa ruta migratoria e recompilar datos que sirvan para avaliar a incidencia do cambio climático sobre a súa migración nas nosas latitudes.

Exemplares analizados na última edición

Na edición deste ano, participaron un total de 15 voluntarios que desenvolveron labores de seguimento en Cíes e en Ons consistentes basicamente no anelamento científico de aves e en percorridos de censo visual e auditivo polas illas.

En total, fixéronse 21 xornadas de anelamento que se resolveron coa captura de 447 aves pertencentes a 40 especies distintas e das que se obtiveron datos como a idade, o sexo ou a condición física das aves marcadas e liberadas posteriormente. O picafollas musical, o paporrubio e o papamoscas cerroxiño foron as tres especies máis capturadas fronte a outras, como o chasco norteño, a folosa manchada ou a folosa amarela que, aínda que máis escasas, tamén aportaron rexistros de interese para as illas.

Por outro lado, os 134 exemplares recapturados esta tempada –é dicir, aqueles que volven capturarse unha vez xa foron marcados-, permitiron tamén coñecer datos clave como o tempo de permanencia na illa, a taxa de engorde ou mesmo a procedencia dalgunhas aves, como testemuña a recaptura dun exemplar de folosa das canaveiras que tiña sido previamente anelado en Holanda.

Cómpre lembrar que cada ano a finais do verán millóns de aves procedentes do norte e do centro de Europa atravesan a Península Ibérica na súa migración cara a lugares más propicios para sobrevivir ao inverno. Trátase da migración postnupcial, unha viaxe esgotadora para as aves paseriformes durante a cal resulta clave encontrar suficientes lugares adecuados para o repouso e aprovisionamento de alimento ata chegar ás súas zonas de invernada.

As Illas Atlánticas de Galicia, debido á súa situación xeográfica, son un deses puntos de parada para moitas destas aves terrestres, que se desprazan seguindo a liña costeira do litoral Atlántico ata alcanzar o seu destino, utilizando o parque nacional como pontes para evitar o rodeo polas costas galegas.
 

Imaxes relacionadas