A Xunta destinou nos últimos anos case 773.000 euros en melloras no concello de Rodeiro

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no municipio con apoio do Goberno galego

A Xunta colaborou este ano con máis de 50.700 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental na adquisición de equipamentos, entre os que destacan un remolque cunha máquina para limpeza ou 25 novos contedores para a recollida do lixo

A Administración autonómica tamén achegou este ano a través dun convenio de colaboración outros 13.000 euros dirixidos á reparación da piscina municipal

Rodeiro (Pontevedra), 6 de novembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o concello de Rodeiro, onde o Goberno galego leva investidos nos últimos anos case 773.000 euros en actuacións ambientais e de infraestruturas coas que mellorar os servizos municipais e, por ende, a calidade de vida dos cidadáns. Á visita tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.

Alfonso Rueda destacou a importancia de manter unha colaboración fluída cos concellos “con pequenos investimentos que aportan solucións ás súas necesidades e lles permiten poñer en marcha servizos de grande nivel equiparables ós das cidades cos que favorecer aos seus veciños”. Nesta liña, sinalou a necesidade destas axudas da Xunta para que as entidades locais, “sobre todo as máis pequenas”. poidan seguir sacando adiante proxectos que “sen este apoio lles resultaría máis complicado”.

Durante a visita e da man do alcalde, Luis López, o vicepresidente primeiro da Xunta coñeceu os proxectos levados a cabo este ano ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña de axudas, a Xunta financiou con máis de 50.700 euros os gastos da adquisición de equipamento para distintos servizos. Destacan a compra dun remolque cunha máquina de limpeza, valorado en máis de 10.500 euros, ou o investimento de case 6.000 euros na mellora da eficiencia enerxética do centro cultural Manuel Llamazares.

Ademais, no marco destas subvencións da Administración autonómica, o concello tamén adquiriu 25 novos contedores de lixo e case 70 elementos de aceiro inoxidable para suxeitalos, que supuxeron achegas de máis de 4.000 e 14.700 euros respectivamente. Tamén no servizo de recollida do lixo, as axudas da Xunta permitiron financiar con case 15.000 euros o custo do tratamento dos residuos urbanos.

Por outra parte, o Goberno galego asinou este ano co concello de Rodeiro un convenio de colaboración, mediante o que achegou máis de 13.000 euros para reparar as fugas de auga da piscina municipal. A Xunta dá resposta así a esta necesidade do municipio que requiría actuar con urxencia para evitar vertidos contaminantes.

O proxecto alíñase tamén cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros dirixidos a financiar os custos dos concellos en servizos dedicados á protección do medio ambiente e o espazo natural, ao impulso da eficiencia enerxética, á conservación da biodiversidade e á utilización do uso recreativo e didáctico dos recursos naturais de Galicia.

Imaxes relacionadas