García Comesaña reitera que no proceso de rastrexo da covid-19 participan diversos colectivos sanitarios
O protocolo para a detección e manexo de casos de infección activa por coronavirus é publico, transparente e está dispoñible na web da Xunta
O conselleiro destaca o importante labor que desenvolve o persoal de Atención Primaria no seguimento de casos positivos
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para explicar que no proceso de rastrexo de casos covid en Galicia participan profesionais que pertencen a diferentes colectivos sanitarios.
O titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou que rastrexador non é unha categoría profesional, senón que o rastrexo é un procedemento no que interveñen diversos colectivos sanitarios.
Sobre este particular, aclarou que non é posible separar deste procedemento o importante labor que desenvolve o persoal de Atención Primaria, destacando que este conxunto de profesionais asumen case na súa totalidade e, a excepción daqueles casos que xa se atopen hospitalizados, o seguimento das persoas contaxiadas por coronavirus en Galicia.
O conselleiro sinalou que é o persoal de Atención Primaria quen leva a cabo o seguimento dos casos positivos, a xestión das súas probas, así como a determinación da súa alta clínica.
Durante a súa intervención, García Comesaña recalcou que o protocolo da Xunta de Galicia especifica que o seguimento dos contactos estreitos recae sobre a Central de Seguimento de Contactos (CSC), unha decisión que foi adoptada para que o persoal de Atención Primaria dispoña de tempo suficiente para dar atención sanitaria e clínica ás persoas enfermas.
Por último, lembrou que o protocolo para a detección e manexo de casos de infección activa polo virus SARS-CoV-2 é público, transparente, e que fica a disposición de todas as persoas que desexen consultalo na web.