Luisa Piñeiro reafirma a “colaboración absoluta e compromiso máximo” da Xunta co concello de Silleda na súa primeira visita institucional

A delegada mantén unha xuntanza co alcalde, Manuel Cuíña, e con gran parte do goberno local para recoller as súas demandas para o executivo galego

A representante autonómica xestionará a posibilidade de mellora da estrada PO-201 entre Silleda e Laro e da reforma dos aseos do colexio público
 

Silleda (Pontevedra), 13 de novembro de 2020.- A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou na xornada de hoxe a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Silleda durante a súa primeira visita institucional a Trasdeza, que incluíu a celebración dunha reunión de traballo co alcalde, Manuel Cuíña, e con gran parte do goberno local.

A representante autonómica e o rexedor estiveron a analizar a situación, tanto sanitaria como económica, derivada da crise da covid-19 e os seus efectos sobre o sector do turismo que, no caso de Silleda, poden ser importantes, xa que se trata do concello con máis prazas de aloxamento da área de Santiago de Compostela sen incluír á propia capital galega.

Polo demais, Luisa Piñeiro recolleu tres peticións por parte dos representantes de Silleda, consistentes na cesión ao Concello da titularidade do vial entre a localidade e a estación do Castro, a mellora do firme da estrada PO-201 Silleda-Laro, que conecta coa PO-534 nesta parroquia trasdezá e que presenta un tráfico elevado, e unha pequena reforma dos aseos do colexio público.

A delegada territorial, que recibiu o agradecemento pola visita por parte do alcalde silledense, anunciou que vai comezar a xestionar de inmediato as dúas primeiras solicitudes coa área de Infraestruturas e Mobilidade, aínda que deixou claro que a renovación do vial cara Laro dependerá das dispoñibilidades orzamentarias.

Finalmente, reiterou a súa “absoluta disposición” para atender ao Concello de Silleda e recoller as súas demandas a través dun contacto periódico e constante e lembrou o “gran compromiso” da Xunta co municipio tras investir, en infraestruturas e servizos, 26 millóns de € nos últimos catro anos, dos que a metade adicáronse ao medio rural e as explotacións.
 

Imaxes relacionadas