A Xunta implantará nesta lexislatura un novo modelo organizativo en Atención Primaria que dará máis autonomía aos centros para desenvolver plans de saúde

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, no Parlamento de Galicia, onde tamén sinalou que o sistema TELEA vai ser reforzado para conectarlle todos os dispositivos de monitorización dos pacientes

Nas vindeiras semanas rematarase a tramitación dun decreto que creará a categoría profesional de médico de hospitalización a domicilio

Sanidade aprobará un decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada de Galicia, así como medidas para incentivar a aqueles profesionais que colaboran como titores

Porá en marcha un Plan Galego de Demencias, que permitirá seguir avanzando na mellora da atención ás enfermidades neurodexenerativas

O Sergas tamén desenvolverá un Plan Galego de Enfermidades Raras; e un Plan Galego de Oncohematoloxía, que potenciará o diagnóstico precoz e o inicio do tratamento

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, a petición propia, para informar sobre a evolución da emerxencia sanitaria da covid-19 en relación coas previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que non se pode adiar máis a transformación da atención primaria. Unha transformación que a levaría a pasar de ser a porta de entrada actual, a un nivel asistencial central con capacidade resolutiva propia. Para acadar dito obxectivo, é preciso, -dixo García Comesaña-, un novo modelo de gobernanza dos nosos centros de saúde.

Queremos introducir, -remarcou o conselleiro-, autonomía de xestión nos centros de saúde. Así, escolleranse xefes e coordinadores de servizo a través de concursos nos que se valore un proxecto de plan local de saúde cun enfoque de medicina comunitaria. Neste senso, os xefes e coordinadores de servizo poderían reducir as súas cotas para desenvolver as súas funcións de liderado, dirección e coordinación de todo o persoal do centro.

Esta medida de impulso do primeiro nivel asistencial, require dunha reorganización de funcións entre o persoal de primaria que contemplan varios aspectos, entre os que o conselleiro citou: o aumento da capacidade resolutiva do persoal de enfermería; o fomento do papel da fisioterapia de primaria, en funcións como as valoracións de dependencia; o impulso da formación sanitaria do persoal de servizos xerais; e o avance nunha maior integración do persoal dos PAC co resto de primaria.

Incremento de recursos en primaria e Plan de infraestruturas

O conselleiro non só falou de reorganización senón, tamén, do incremento de recursos. Así, na OPE convocada este ano inclúense máis de 140 prazas para atención primaria e na oferta formativa, cóbrense o 100% das prazas de medicina de primaria acreditadas. Ademais, os orzamentos para o vindeiro ano inclúen a creación de 161 novas prazas neste nivel asistencial.

Ademais dos recursos humanos, o conselleiro anunciou que o seu departamento ten previsto facer unha aposta pola dotación de mellores recursos tecnolóxicos, particularmente para desenvolver a Estratexia de Cronicidade. Así, o sistema TELEA vai ser reforzado para conectarlle todos os dispositivos de monitorización dos pacientes como os cardioimplantables, marcapasos, bombas de insulina ou medidores de glucosa.

García Comesaña tamén anunciou que o Sergas elaborará un Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria no que fixar novas prioridades en función das necesidades existentes. Así, sinalou que o tratamento da saúde mental vai ser unha prioridade para esta lexislatura.

Outro dos compromisos anunciados polo responsable sanitario é a posta en marcha nesta lexislatura dun Plan Galego de Demencias, que permitirá seguir avanzando na mellora da atención ás enfermidades neurodexenerativas; así como a ampliación do catálogo de probas diagnósticas accesibles dende atención primaria, aumentando a súa capacidade de resolución e evitando desprazamentos aos pacientes.

Outra iniciativa que garantirá a continuidade asistencial será, -segundo o conselleiro-, o futuro Plan Galego de Enfermidades Raras, no que se recollerá a demanda de crear unidades funcionais multidisciplinares para estes pacientes. Isto mesmo acontecerá co futuro Plan Galego de Oncohematoloxía, que potenciará a diagnose precoz e o inicio do seu tratamento, así mesmo, incorporará o desenvolvemento desde o sistema público dun centro de terapia CAR-T.

Respecto da hospitalización a domicilio, o conselleiro anunciou que nas vindeiras semanas o seu departamento rematará a tramitación dun decreto que creará a categoría profesional de médico de hospitalización a domicilio, co que continuará a estenderse este servizo ao 100% da cidadanía galega.

Centros hospitalarios

O conselleiro sinalou tamén que se vai mellorar a atención aos pacientes dos centros hospitalarios en aspectos como a axilidade, a seguridade, a calidade e a humanización. Así, entre outros medidas, ampliarase a cobertura de tempos máximos a máis patoloxías e crearanse máis vías rápidas. Ademáis, porase en marcha un plan de recuperación das intervencións, consultas e probas adiadas.

Tamén avanzou o conselleiro a aposta do seu departamento polos hospitais comarcais, con importantes melloras nos orzamentos do ano 2021; así como un paquete de medidas para incentivar a práctica clínica nestes hospitais e asegurar a súa viabilidade futura.

Outra das medidas que expuxo o conselleiro é a aprobación dun decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada de Galicia, así como medidas para incentivar a aqueles profesionais que colaboran como titores nas rotacións formativas e prácticas do alumnado. Igualmente, deu conta de que, nesta lexislatura, o seu departamento avanzará na aprobación dun novo Plan de Ordenación de Recursos Humanos do Sergas, e sinalou que segue a reclamar a eliminación da limitación das taxas de reposición que impiden cubrir todas as prazas.

Saúde comunitaria e innovación

O responsable da sanidade pública incidiu en dúas apostas de futuro que serán prioritarias, como son a saúde comunitaria e a innovación. Queremos avanzar, -dixo o conselleiro-, implicando a todos os axentes sociais en programas de mellora da saúde ou de alimentación saudable, con ferramentas que permitan á cidadanía rexistrar información dos seus avances neste tipo de programas nunha carpeta persoal á que o seu médico poderá acceder desde a historia clínica.

Tamén achegaremos ao Parlamento, -dixo García Comesaña-, unha nova lei de prevención das adiccións en menores, que incorporará medidas de prevención doutras adiccións entre a mocidade. No tocante á investigación, queremos traballar no desenvolvemento da carreira investigadora e no marco regulatorio da súa contratación, -remarcou-.

Neste apartado, anunciou a posta en marcha da plataforma SHARE de xestión do coñecemento, coa que se acadará unha maior difusión da formación.

Outras medidas sinaladas polo conselleiro no Parlamento foron a potenciación dos tratamentos de fertilidade no sistema público e a posta en marcha dun protocolo sobre identidade de xénero que garanta o trato igualitario e non discriminatorio das persoas que acoden á sanidade pública. Tamén deu conta da presentación, xunto á Consellería de Emprego e Igualdade, dun novo procedemento que se implantará no sistema sanitario para contribuír á detección precoz das situacións de violencia de xénero e axudas ás mulleres a saír delas.

Medidas eficaces e mellora da capacidade de diagnóstico

No transcurso da súa intervención, o conselleiro repasou polo miúdo a situación actual da covid-19 en Galicia, achegando o conxunto de medidas adoptadas desde o inicio da pandemia. García Comesaña salientou que os datos epidemiolóxicos avalan a estratexia implementada en Galicia até o de agora, e que, o establecemento de medidas equilibradas e cirúrxicas, como as do denominado modelo Carballiño, permiten reducir a incidencia do coronavirus na comunidade galega.

O responsable de Sanidade remarcou que as medidas arestora vixentes en 69 municipios galegos permitiron rebaixar, en pouco mais dun mes, a taxa da incidencia acumulada do Carballiño nun 93%.

Así mesmo, puxo en valor a grande capacidade de diagnóstico da que goza o Sergas na actualidade, cunha media de 7.000 PCRs diarias durante a última semana, e avanzou que esta capacidade de análise aínda mellorará máis, ao comezar o envío de 300.000 tests de antíxenos ao conxunto dos centros de Atención primaria.

Entre as medidas previstas, García Comesaña tamén adiantou que o Servizo Galego de Saúde continuará a realizar cribados á poboación e colectivos concretos co ánimo de atallar a expansión do coronavirus, ademais de informar do traslado á Mesa Sectorial dun Plan de Continxencia en materia de persoal, co que se prevé realizar 750 nomeamentos de emerxencia sanitaria na categoría de persoal de enfermaría.

Imaxes relacionadas