Sanidade suaviza as restricións nos concellos de Verín, Amoeiro, Coles, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Monforte e Campo Lameiro
Así o acordou o departamento sanitario galego, logo da reunión do comité clínico de hoxe pola tarde, que estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar ao concello de Moaña aos municipios con restricións especiais
O comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia, vén de levantar as restricións especiais en tres concellos da provincia de Ourense, Verín, Amoeiro e Coles; noutros tres da provincia da Coruña, Trazo, Boqueixón e Val do Dubra; nun da provincia de Lugo, Monforte; e noutro da provincia de Pontevedra, Campo Lameiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2. Así o acordou a Consellería de Sanidade logo da reunión de hoxe pola tarde, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Así mesmo, os expertos que avalían a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar ao concello de Moaña ao grupo de municipios con restricións especiais.
As medidas serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores.
Ademais, cómpre salientar que nas localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o comité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.
A Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia, e solicita a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.
Sanidade quere remarcar, unha vez máis, que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar as súas restricións.