Luisa Piñeiro reafirma a “máxima colaboración” da Xunta co Concello de Valga tras a concesión de dous obradoiros de emprego e o apoio á humanización do parque Irmáns Dios Mosquera

A delegada territorial realiza unha visita institucional ao municipio e mantén un encontro de traballo co alcalde, José María Bello, e membros do goberno local

Recolle as súas solicitudes para a Xunta, centradas na creación de solo industrial e medidas de ámbito medioambiental, rural, turístico e de infraestruturas

Valga, 2 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Valga, onde reafirmou a “máxima colaboración” do Goberno galego con este municipio cun investimento, na actualidade, de máis dun millón de euros pola concesión de dous obradoiros de emprego e o cofinanciamento, a través da Consellería de Medio Ambiente, da humanización do parque Irmáns Dios Mosquera.

A representante autonómica achegouse ata a casa consistorial para manter unha reunión de traballo co alcalde, José María Bello, e con membros do goberno local para explicarlle o estado actual dos proxectos da Xunta no concello e para recoller as súas solicitudes para a presente lexislatura autonómica.

A principal necesidade do Concello de Valga, na que está a traballar a Xunta, pasa pola creación de solo industrial, aínda que tamén solicitou colaboración para cuestións medioambientais vencelladas ao punto limpo e ao transporte do lixo e de ámbito rural coa demanda dun camión de extinción de lumes forestais e un tractor.

Así mesmo, o Concello de Valga tamén está interesado en acadar o apoio da Xunta para o equipamento do edificio administrativo e para completar o proxecto turístico e patrimonial de rehabilitación de Mina Mercedes. Finalmente, figura algunha demanda en materia de infraestruturas para completar a mellora da estrada autonómica ao seu paso pola parroquia de Cordeiro.

A delegada territorial, que garantiu que o apoio da Xunta continuará na mesma liña e intensidade dos últimos anos, comprometeuse a xestionar de inmediato as solicitudes do Concello de Valga e anunciou unha nova visita nas vindeiras semanas para coñecer a fondo e sobre o terreo o estado dalgúns destes proxectos, así como para percorrer o coñecido Belén de Valga, que se inaugura o próximo domingo.

Imaxes relacionadas