Lugo acolle un seminario online para resolver dúbidas e axilizar as solicitudes das axudas do Plan de Rescate da Xunta

A xornada está promovida por Turismo de Galicia en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade e o IGAPE no marco dos webinarios que se están a celebrar nas catro provincias

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autómomos e micropemes da provincia

As axudas lanzadas para autónomos con e sen empregados, microempresas e sector da hostalería teñen aberto o prazo de solicitude
 

Lugo, 2 de decembro de 2020

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo, en colaboración con Turismo de Galicia e a Consellería de Emprego e Igualdade, celebrou hoxe un seminario online informativo co obxectivo de informar e axudar aos potenciais beneficiarios do Plan de Rescate da Xunta de Galicia no proceso de solicitude das diferentes liñas abertas. A xornada enmárcase na programación de webinarios que se están a desenvolver estes días nas catro provincias e foi seguida por unhas 60 persoas.

O webinario contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o subdirector de Coordinación do IGAPE, Francisco López; e Cheché Real, do Clúster de Turismo de Galicia.

Orientado aos sectores afectados polo peche derivado das normativas de seguridade sanitaria, o seminario permite resolver dúbidas e achegar a información de xeito máis eficaz e directo, facilitando así que os beneficiarios poidan acceder de xeito máis rápido, grazas tamén a unha tramitación áxil.

Neste sentido, Javier Arias destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autómomos e micropemes da provincia de Lugo, apoiando de xeito específico a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias

Axudas complementarias

As tres liñas de axuda que conforman o Plan de Rescate autonómico, dotado cun total de 84 millóns de euros, están dirixidas a autónomos, micropemes e sector da hostalería, que poderán solicitar os apoios ata o vindeiro 18 de decembro (no caso da liña de autónomos) e ata o 28 de decembro as microempresas e establecementos hostaleiros afectados polos peches desde o pasado outubro.

No caso das axudas a microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado e dotada con 37 millóns de euros, a contía da axuda é de 4000 euros para todos os sectores e de 5000 euros para as actividades económicas especialmente paralizadas (lecer nocturno, atraccións de feiras, transporte, axencias de viaxes, cines ou comidas para eventos, entre as principais).

A liña creada de xeito específico para a hostalería e dotada con 17 millóns de euros permitirá conceder a cada establecemento axudas de 1500 euros ao mes que, no caso de empresas con 10 ou máis traballadores, serán de 2000 euros ao mes.

A terceira liña, activa xa desde o pasado 18 de novembro e dotada con 30 millóns de euros, suporá unha aportación única de 1200 euros para os sectores e de 2000 euros para as actividades especialmente paralizadas.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si, polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, por exemplo, as contías das axudas poderán chegar até os 9.200 euros, cifra que sitúa a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

Coa posta en marcha deste Plan de rescate, deseñado en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, a Xunta pretende aportar liquidez aos empresarios das actividades máis afectadas pola pandemia, en especial aos establecementos hostaleiros nos concellos que, no peor dos casos, se manteñen inactivos desde o pasado mes de outubro.

Imaxes relacionadas