Arias subliña que a Xunta destinou no último ano 11,7 M€ a financiar obradoiros de emprego en Lugo
O delegado territorial explicou en Sarria que o orzamento para os proxectos que están rematando medrou nun 35% debido a que se prolongaron pola situación sanitaria, ata alcanzar os 6 millóns de euros
As 16 novas iniciativas aprobadas, que deben comezar antes de que finalice este exercicio, suman outros 5,7 millóns de euros
En cada convocatoria fórmanse arredor de 300 persoas desempregadas para facilitar a súa inserción no mercado laboral
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe en Sarria que a Consellería de Emprego e Igualdade destinou no último ano 11,7 millóns de euros a financiar obradoiros de emprego na provincia, tanto os que se desenvolveron nos últimos meses como os novos proxectos que se están poñendo en marcha, que deben comezar antes de que finalice o exercicio.
Arias participou hoxe na entrega de diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron no obradoiro Sarria, Camiño de Santiago, financiado polo Goberno galego con 462.000 euros e que se desenvolveu ao longo dun ano, superando en tres meses a duración prevista inicialmente por mor da pandemia. Esta incidencia afectou á práctica totalidade dos 14 obradoiros da convocatoria do 2019, obrigando a incrementar o orzamento total nun 35% para asumir o aumento global dos salarios, ata alcanzar os 6 millóns de euros.
Nestas semanas están a comezar outras 16 iniciativas -14 obradoiros duais e dous de garantía xuvenil-, que contan cun orzamento de preto de 5,7 millóns de euros. Arias destacou que con cada convocatoria a Xunta ofrece formación a arredor de 300 traballadores desempregados da provincia, ao tempo que realizan un traballo remunerado en obras e servizos de interese para a comunidade.
Sarria, Camiño de Santiago
Javier Arias clausurou o obradoiro de emprego Sarria, Camiño de Santiago, promovido polo concello e financiado pola Xunta -inicialmente con 336.400 euros, máis 126.100 euros pola prolongación-. No acto participou tamén o alcalde, Claudio Garrido, entre outros.
O obradoiro centrouse nas especialidades de Pavimentos e albanelería de urbanización, e Fábricas de albanelería, cada unha con 10 alumnos. Contou con dous monitores, un administrativo e un director.
Nos últimos meses levaron a cabo obras de reforma e adecuación do Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria, en elementos como a Escaleira Maior, o muro de peche e a escaleira de acceso ao Campo da Feira, ou o muro do antigo cemiterio; tamén separaron o itinerario rodado e peonil na baixada paralela a este último.