O secretario xeral de Política Lingüística acompaña a Manuel Pombo Arias na presentación da obra ‘Desvendado’

O catedrático da USC e escritor, autor do coñecido 'Tratado de endocrinología pediátrica', mergúllase nos segredos que todas as persoas levamos dentro

A obra está editada por Galaxia e conta co apoio da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao o catedrático de Pediatría e profesor ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Manuel Pombo Arias, na presentación da obra Desvendado, que sae do prelo da Editorial Galaxia co apoio da Xunta de Galicia.

O representante autonómico felicitou ao autor “por facerlle caso aos consellos do recordado Xosé Neira Vilas, que animou a tantos escritores e escritoras a contribuír desde as súas obras á literatura galega” e tamén “por abordar tan ben e compartir co público lector importantes reflexións, ás veces inquedanzas ou pensamentos arredor de temáticas tan próximas nas que sentirse identificado”. Tamén participou na presentación o editor, Francisco Castro, director de Galaxia.

Desvendado é a sexta obra de Manuel Pombo Arias, autor do Tratado de endocrinología pediátrica, un libro de referencia no campo da medicina. Nel, o doutor Pombo Arias mergúllase nos segredos que todas as persoas levamos dentro a través dun volume que ten a súa orixe noutro que comezou a escribir en 2009, no marco dun proxecto máis amplo denominado Diario. Reflexións sobre o aburrimento, a amizade, o amor, a angustia, a ansiedade, os celos ou a beleza enchen máis de 400 páxinas dun libro que, en palabras do propio autor, pretende deixar testemuño dunha época de Galicia na que se atopan o mundo e a vida.