A mostra itinerante Agresión off: Eu digo non á violencia sexual conclúe hoxe en Pontecesures o seu percorrido polos concellos
A campaña da Consellería de Emprego e Igualdade percorreu desde outubro 46 concellos galegos da Rede contra a violencia de xénero con talleres de sensibilización para todas as idades en materia de igualdade
A iniciativa incidiu en combater o sexismo desde a infancia e no uso da tecnoloxía para exercer a violencia
O concello pontevedrés de Pontecesures acolle hoxe a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, na que será a última parada nos concellos desta mostra itinerante da Consellería de Emprego e Igualdade que ten por obxectivo achegar á poboación recursos para avanzar na igualdade e loitar contra a violencia de xénero.
A exposición vén de percorrer desde o pasado outubro 46 concellos galegos integrados na Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, conformada na actualidade por 211 municipios.
A montaxe ofrece á cidadanía a posibilidade de tomar parte en obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas. Todos os talleres deseñáronse para ser inclusivos e accesibles e abertos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial habilitado para desenvolver dinámicas adaptadas á súa idade.
Grazas á exposición, a cidadanía de 46 concellos tivo a oportunidade de participar nestes meses en obradoiros con contidos transversais relacionados coa igualdade e a prevención da violencia sexual.
Entre as temáticas que se abordaron con éxito, e que hoxe mesmo están a dispor dos veciños de Pontecesures, destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o namoramento; alerta ante micromachismos; parella e igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade ou a importancia de estar informados.
A Rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Os concellos adheridos colaboran e impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, no desenvolvemento de accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como a campaña que se pode visitar hoxe no miradoiro do Pino Manso de Pontecesures en horario de 9,15 a 14,30 horas.