A Xunta destaca que o obradoiro de Abegondo permitirá a formación e o acceso laboral no sector forestal de 20 desempregados

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe na presentación do taller Reserva de Biosfera: emprego forestal, que a Xunta promove en colaboración cos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada

As alumnas e alumnos recibirán cualificación en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e en actividades auxiliares para a conservación e mellora de montes

Lado pon en valor este tipo de programas duais que permiten alternar a formación coa práctica laboral durante 9 meses e dan opción, ao seu remate, ao acceso a un contrato de traballo nunha empresa da contorna durante ao menos 3 meses

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder axudas por valor de 30 millóns de euros para a posta en marcha de 62 obradoiros duais e 34 programas integrados de emprego

Abegondo (A Coruña), 23 de decembro de 2020

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Abegondo na presentación do obradoiro de emprego Reserva de Biosfera: emprego forestal, que a Xunta promove en colaboración cos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada cun investimento próximo aos 350.000 euros. Destacou que o programa permitirá a formación e o acceso laboral no sector laboral de 20 persoas sen emprego.

As alumnas e alumnos recibirán cualificación en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, ao tempo que acceden durante os nove meses que dura a formación a un contrato laboral. Ao remate do obradoiro, ademais, terán opción a un traballo nunha empresa da contorna durante ao menos tres meses. Así, Lado puxo en valor que estes obradoiros duais permiten alternar a formación coa práctica laboral “cun obxectivo prioritario para a Xunta, a creación de emprego”. O obxectivo da iniciativa, tal e como apuntou, é incentivar actividades que permitan aos participantes “a inserción a través da profesionalización e da adquisición de experiencia”.

Durante os nove meses, os participantes nesta iniciativa desenvolverán, ademais, un servizo á comunidade, xa que , entre outras actuacións, desenvolverán a repoboación e conservación do monte situado no lugar de Casas Grandes; a mellora de diversas fincas forestais; e a limpeza e acondicionamento do camiño forestal de Beldoña ou da área do Marco das Eiras. Así mesmo, levarán a cabo o mantemento e conservación de zonas verdes no entorno da Casa do Concello, da Policía, do edificio de Servizos Sociais e da Casa de Cultura, en Bergondo.

A directora xeral volveu a mostrar a súa aposta polo desenvolvemento dos obradoiros de emprego para avanzar cara o obxectivo de garantir un emprego estable e de calidade para todas as galegas e galegos. Lembrou que a última convocatoria de axudas dos obradoiros, xunto cos programas integrados de emprego, permitirán o desenvolvemento en toda Galicia de 96 iniciativas (62 obradoiros duais e 34 programas integrados) para incrementar a formación e as oportunidades laborais de 4.628 persoas desempregadas grazas a un investimento de 30 millóns de euros.

Imaxes relacionadas