A Xunta impulsa a formación de persoas sen emprego no sector da hostalería coa 12ª edición do obradoiro dual da Mancomunidade do Salnés en Sanxenxo

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiron hoxe á inauguración desta iniciativa, que formará a vinte persoas desempregadas nos módulos de Cociña e Servizos de Bar e Restauración durante nove meses cun investimento de 346.946€

A delegada territorial tamén participou na apertura do obradoiro 'Ruta Xacobea Camiño de Santiago' en Cambados, que se enmarca no plan de formación para a bisbarra arousana con oito actividades de formación para 160 persoas

Sanxenxo, 30 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia segue a impulsar a formación de traballadores cualificados no sector da hostalería e a restauración coa posta en marcha, esta mesma mañá, do obradoiro de emprego Hostalería do Salnés XII, concedido polo executivo autonómico á Mancomunidade do Salnés cun investimento de 346.946€.

A inauguración desta iniciativa, que tivo lugar no Real Club Náutico de Sanxenxo, contou coa presenza da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, e da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que estiveron acompañadas polo alcalde, Telmo Martín, e pola presidenta da entidade organizadora, Marta Giráldez.

“Estamos comprometidos coa formación laboral global en todas as áreas, pero indubidablemente no sector da hostalería aínda é máis grande, porque así nolo demandan os concellos e os empresarios deste ramo, que cada vez nos piden traballadores máis preparados ante o aumento constante e crecente da súa clientela e do turismo, máis aló de que agora estamos nunha difícil situación puntual pola pandemia que agardamos deixar atrás canto antes”, sinalou a directora xeral, que enmarcou estes obradoiros no Salnés -hai outro do mesmo contido en Vilanova de Arousa- nas medidas de apoio ao sector para estar nas mellores condicións cando se supere a crise sanitaria actual. “Este tipo de programas son máis necesarios que nunca debido á crise sanitaria”, subliñou.

O obradoiro Hostalería do Salnés XII vai formar durante nove meses a un total de vinte persoas desempregadas nos módulos de Cociña e Operacións Básicas de Bar e Servizo de Restauración e ademais, pola súa concepción dual, daralles a posibilidade de optar a contratos de prácticas de tres meses, ao seu remate, en empresas da zona para completar estas ensinanzas.

Lado animou a todos os participantes a aproveitar a formación que ofrecerá o programa. “Supón unha oportunidade para gañar coñecementos e experiencia e poder obter un certificado de profesionalidade, o que contribuirá a incrementar as opcións laborais”, apuntou.

A directora xeral, ademais, destacou a importancia da colaboración entre administracións para poñer en marcha este tipo de actuacións que teñen como obxectivo a inserción laboral das persoas desempregadas de Galicia.

Ruta Camiño de Santiago

Por outra banda, Luisa Piñeiro tamén participou hoxe na inauguración do obradoiro de emprego Ruta Xacobea Camiño de Santiago, que se desenvolverá no Concello de Cambados, coa presenza da alcaldesa, Fátima Abal. Esta iniciativa tamén formará a vinte persoas desempregadas ata o outono de 2021 nas modalidades de Albanelería e Xardinería-Forestal e compleméntase co obradoiro para a mocidade Cambados Emprendedor II cos seus módulos de actividades de tempo libre e xestión de residuos.

Deste xeito, a bisbarra do Salnés é a maior beneficiaria da quenda 2020-2021 dos obradoiros de emprego na provincia de Pontevedra, xa que dispón dun total de oito, catro duais e catro para mozos e mozas, cun investimento global de 2,77 millóns de euros que permitirá formar a 160 persoas desempregadas de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados e o resto dos municipios do Salnés a través dos dous concedidos á mancomunidade.

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

O Consello da Xunta, ademais, vén de autorizar onte mesmo a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na nova convocatoria co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).
 

Imaxes relacionadas