A Xunta pon en marcha un obradoiro dual de emprego nos concellos de Mondariz e Covelo cun investimento de 346.946€

A delegada territorial, Luisa Piñeiro, inaugura esta iniciativa, que se desenvolverá durante nove meses e na que participarán vinte persoas sen emprego que terán a posibilidade de traballar tres meses máis en empresas da contorna

Destaca a “forte aposta da Xunta pola formación e o traballo” nas bisbarras do Condado e A Paradanta, xa que disporán de tres obradoiros para 60 persoas desempregadas nestes dous concellos e os de Ponteareas, As Neves e Salvaterra

A Xunta investirá na próxima convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego máis de 30,2 millóns en toda Galicia co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo

Mondariz (Pontevedra), 30 de decembro de 2020

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de poñer en marcha un obradoiro dual de emprego nos concellos de Mondariz e Covelo. A iniciativa Medrando entre Todos/as contará coa participación de vinte persoas desempregadas de ambos municipios grazas a un investimento de 346.946€.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que asistiu este mediodía ao seu acto de inauguración no Centro de Formación Pé do Muíño, destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” en ambos concellos, que van dispoñer por vez primeira desta modalidade laboral, e nas bisbarras do Condado e A Paradanta.

Nesta zona desenvolveranse tres obradoiros duais, xa que ao compartido por Mondariz e Covelo únense Coidando de Nós III para os concellos de Ponteareas e As Neves, cuxa inauguración tivo lugar o pasado luns, e Salvaterra Emprega. En total, serán tres iniciativas laborais cun investimento de 1,04 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de sesenta participantes.

A representante autonómica, que estivo acompañada no acto de apertura polos alcaldes, Xosé Emilio Barrios e Pablo Castillo, animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.

O obradoiro de emprego Medrando entre Todos/as desenvolverase nos módulos de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Institucións e de Actividades Auxiliares Forestais, en Montes e Xardinería, que terán dez participantes cada un e nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

Ademais, o Consello da Xunta vén de autorizar onte mesmo a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na nova convocatoria co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).

Imaxes relacionadas