A Xunta investiu máis de 84.000€ en diferentes actuacións medioambientais nos concellos de Val do Dubra e Trazo
Trenor destacou que o Fondo de Compensación Ambiental deixou na comarca de Santiago máis de 416.000 euros en 16 proxectos
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou as diferentes actuacións levadas a cabo nos concellos de Val do Dubra e Trazo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.
A través desta liña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, o Goberno galego investiu nestes concellos máis de 84.000 euros.
O delegado da Xunta comprobou a utilidade dos novos equipos adquiridos para a brigada municipal de Val do Dubra e Trazo grazas a unha achega da Xunta de máis de 84.000 euros, que permitiu a adquisición dun camión basculante con grúa, dun camión portacontedores con gancho, de 5 novos contedores e dun remolque con equipo de limpeza a presión.
No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
Durante a visita o delegado da Xunta na Coruña informou que a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 416.000 euros en 16 proxectos na comarca de Santiago nos municipios de Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Negreira, A Baña, Mesía, Padrón, Rois, Val do Dubra, Trazo, Toques, Tordoia e Touro.
Trenor destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
O delegado da Xunta recalcou “estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial, polo que son de gran utilidade para os concellos”.