Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Sober nun proxecto de mellora e humanización de espazos públicos no rural
A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá co rexedor Luis Fernández, quen lle trasladou tamén o seu interese polo Plan Hurbe no que traballa a Xunta para promover actuacións urbanísticas nos concellos da Ribeira Sacra
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Sober (Lugo) para levar a cabo un proxecto de humanización de espazos públicos no ámbito rural. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez ao rexedor Luis Fernández no transcurso dunha videoconferencia na que trataron diversos asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.
En concreto, o alcalde explicou que a iniciativa para a cal aspiran a contar co apoio económico da Xunta consiste nunha actuación de mellora e posta en valor de dous espazos urbanos localizados nas parroquias de Lobios e Anllo Santo Estevo.
Cómpre lembrar que a Xunta leva unha década colaborando coas entidades locais a través do Plan Hurbe na execución de todo tipo de intervencións e proxectos urbanísticos que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo. Así, desde a posta en marcha do programa no ano 2010, a Xunta executou XA ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de concellos, mobilizando con elas un investimento total de 148,96 millóns de euros.
Neste sentido, Ángeles Vázquez confirmoulle ao alcalde que o seu departamento manterá esta liña de apoio e colaboración cos municipios tamén este ano. De feito, os orzamentos da Consellería para 2021 teñen reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.
Por outra banda, o alcalde de Sober tamén se interesou pola activación do Plan Hurbe para a Ribeira Sacra co obxectivo de financiar actuacións de recuperación de espazos de elevado interese patrimonial e que estean especialmente deteriorados. Neste sentido, explicou que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra que el mesmo preside ten xa algunhas propostas de actuación nas que a Xunta e os Concellos poderían colaborar.
Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, esa é unha das 10 medidas incluídas no Plan de Acción Estratéxico deseñado pola Consellería e dotado dun orzamento de 3,5 millóns, que busca mellorar a planificación e a protección deste territorio de gran valor natural a través da posta en marcha de actuacións de carácter ambiental, paisaxístico e de ordenación do medio físico, así como da regulación das posibles intervencións sobre o mesmo.