Os orzamentos do ano 2021 que entran en vigor mañá permitirán seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender ás familias, pemes e autónomos

O DOG publica hoxe a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021

Estas contas acadan os 11.563 millóns de euros e reforzan o gasto social e o investimento produtivo sen subir impostos aos cidadáns

Inclúen catro novos fondos para mobilizar importantes volumes de recursos e acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

Os orzamentos da Xunta para 2021 que entran en vigor mañá, permitirán seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades de familias, pemes e autónomos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021 e a Lei de medidas fiscais e administrativas.

Estas contas públicas son as máis altas da historia da Xunta e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Reforzan o gasto social que ascende a 8.540 millóns de euros, e inclúen a cifra récord de 2.592 millóns destinados a investimento produtivo.

Ademais, non suben os impostos nin ás familias nin ás empresas e consolidan as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas pola Xunta desde 2016.

A principal novidade dos Orzamentos de 2021 é que Galicia vai dispoñer de catro novos fondos que lle permiten contar á súa vez con novos instrumentos para acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega.

Estes instrumentos son o Fondo Covid dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir combatendo a pandemia, o fondo REACT-EU que conta cun importe de 430 millóns para impulsar a reactivación económica e o emprego; o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual que está dotado con 105 millóns de euros no ano 2021 para financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias; e o Fondo Consenso cunha dotación de 115 millóns de euros para financiar os proxectos de investimento acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos Económicos de Galicia.

Imaxes relacionadas