A Xunta aproba Plans de Infraestruturas Rurais para seis concellos das bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Morrazo cun investimento de 238.000€

A Consellería do Medio Rural aprobou os PIR de Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis, Pontecesures, Valga e Bueu no marco dos 17 para a provincia de Pontevedra cunha partida global de 672.000€

Luisa Piñeiro informa aos alcaldes, nunha reunión telemática, de que as obras, consistentes na pavimentación e mellora de diversos camiños nos seus municipios, acaban de ser contratadas para a súa próxima execución

Pontevedra, 3 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou esta mañá, nunha reunión telemática, que a Consellería do Medio Rural vén de aprobar seis Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) para as bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Morrazo cun investimento de 238.451€.

Estas actuacións, orientadas ao acondicionamento de espazos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos propios do campo, acaban de ser adxudicadas, segundo lles trasladou a representante autonómica aos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis, Pontecesures, Valga e Bueu, co obxectivo de que poidan executarse proximamente tan pronto como se cumprimenten os trámites administrativos do contrato e mellore a climatoloxía.

Os proxectos aprobados consisten na mellora de accesos ao lugar de Areses (Vilanova), no Concello de Cerdedo-Cotobade (41.286€); a pavimentación de camiños no núcleo rural de Rebón de Arriba, en Moraña (39.968€); o acondicionamento do camiño entre Couselo e a estrada N-640, no municipio de Cuntis (41.971€); as obras da pista O Rial-A Toxa, no Concello de Pontecesures (25.000€); a remodelación do camiño Devesa-Montiño, en Valga (48.304€); e o reforzo do firme nos viais locais de Sabarigo, no municipio de Bueu (41.922€).

Estas seis actuacións son as proxectadas ao abeiro do PIR deste ano para estas bisbarras e compleméntanse coas recollidas recentemente no Plan Marco, orientado tamén a obras de similares características e que incluiu unha quincena de proxectos noutros tantos municipios cun investimento global de 523.038. Entre as mesmas figuraban as melloras viarias en Ermelo, no Concello de Bueu; os accesos a parcelas agrícolas en diversos puntos de Cerdedo-Cotobade, o acondicionamento da pista de Agriños, en Moraña; ou a remodelación do viario de Laxes, en Valga. En total, o departamento autonómico destina, entre ambos plans, máis de 760.000€ nestas bisbarras para as infraestruturas rurais.

A delegada, acompañada polo xefe territorial, Antonio Crespo, explicoulles aos alcaldes tanto a concesión das súas respectivas solicitudes do PIR como o proceso administrativo en marcha que desembocará na execución dos traballos e puxo en valor este plan “para complementar outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos que viven fóra dos núcleos urbanos e que, en moitos casos, se adican ao sector primario”.

A Xunta de Galicia aprobou para este ano un total de 17 Plans de Infraestruturas Rurais para a provincia de Pontevedra que beneficiarán a outros tantos municipios e que suporán un investimento global de 672.000€.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural