Luis López supervisa o protocolo de hostalería segura na Estrada e louva a responsabilidade do sector e os clientes nos 455 establecementos de Deza e Tabeirós

O delegado territorial acude co alcalde da Estrada, José López, á Cervexería Eureka e destaca o cumprimento xeralizado das medidas nestas bisbarras na primeira fin de semana de reapertura

O representante autonómico incide en “non baixar a garda no respecto aos aforos e na colocación da máscara para non ter repuntes nos contaxios e evitar que se dean pasos atrás, xa que todos queremos que a hostalería siga aberta”

Lembra que os establecementos teñen de prazo ata este venres, 5 de marzo, para colocar os carteis informativos cos aforos e co código QR de localización nos seus accesos e sinala que poden facelo a través da páxina web Turespazo

A Estrada, 2 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá na Estrada o protocolo de hostalería segura deseñado polo Goberno galego no marco das medidas de apertura e desescalada tras a terceira vaga da covid-19 e louvou a responsabilidade do sector e dos clientes nos 455 establecementos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes nesta primeira fin de semana.

O representante autonómico incidiu na necesidade imperiosa de “seguir por esta liña e non baixar en ningún momento a garda no cumprimento e respecto aos aforos -30% no interior e 50% en terrazas- e, por parte dos clientes, na colocación permanente da máscara para non ter repuntes nos contaxios e evitar que se dean pasos atrás”.

“Hai que evitar por todos os medios, sen deixar de gozar de xeito responsable da nosa hostalería, que se dean pasos atrás, xa que todos queremos que bares, cafeterías e restaurantes sigan abertos, pero incluso indo máis alá, temos que ser moi coidadosos e ambiciosos para que se poida avanzar e, se as cousas seguen ben, se poida ampliar o seu horario”, manifestou o delegado territorial, que destacou que houbo un cumprimento xeralizado das medidas de hostalería segura elaboradas pola Xunta nestas bisbarras e na práctica totalidade de Galicia.

Luis López, que acudiu á comprobación deste protocolo na Cervexería Eureka co alcalde da Estrada, José López, tamén revelou que a Xunta está a facer un enorme despregue para o control das medidas a través da Policía Autonómica, que expediu 140 denuncias nesta primeira fin de semana, e dun reforzo cos inspectores de Sanidade, que realizaron 4.100 controis no mes de febreiro. “O Goberno galego vai poñer todo da súa parte para axudar aos hostaleiros a evitar condutas incívicas e a acoutar a irresponsabilidade duns poucos, que pode arruinar o esforzo de todos”, detallou.

Polo demais, lembrou que os hostaleiros teñen de prazo ata este venres, 5 de marzo, para detallar axeitadamente nas súas fachadas e accesos os correspondentes carteis informativos cos aforos máximos detallados, para facilitar o cumprimento polos clientes e a vixilancia por parte das forzas de seguridade, e co código QR de localización para acometer rastrexos en caso dalgún contaxio. Cómpre sinalar que os novos aforos sanitarios e os carteis informativos poden calcularse e descargarse a través da páxina web Turespazo.

Finalmente, animou aos máis de 450 hostaleiros de Deza e Tabeirós-Montes a concorrer ao 2º Plan de Rescate da Xunta de Galicia, que xa está en marcha e pretende paliar os efectos do mes de peche con motivo da terceira vaga. Así, lembrou que na primeira convocatoria beneficiáronse 367 negocios da zona, o que supuxo algo máis do 80% do padrón desta actividade económica, cunhas axudas globais por máis de 1,1 millóns de euros. “O Goberno galego está a apoiar decididamente en todos os eidos, como ningunha outra administración de España, ao sector hostaleiro e imos seguir así ata que se supere esta situación. Teñen o noso compromiso, que ademais o estamos a demostrar cos feitos”, concluiu Luis López.

Imaxes relacionadas