O Servizo Galego de Saúde xestiona 370 citas médicas e xera 600 receitas cada minuto

Galicia conta cun dos servizos de saúde con maior nivel de dixitalización de Europa con logros como a monitoración do paciente no seu domicilio, a teleconsulta hospitalaria ou a consulta telefónica

A Consellería de Sanidade traballa no proceso de definición dunha plataforma para crear un sistema de vixilancia epidemiolóxica empregando intelixencia artificial servirá a curto prazo, para identificar posibles brotes da covid-19 e a medio e longo prazo, para identificar tamén outro tipo de enfermidades
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, referiuse hoxe á intensa actividade dixital que leva a cabo o Sergas, un dos servizos de saúde con maior nivel de dixitalización, non só de España, senón de Europa.

García Comesaña, que participou esta mañá nunha xornada sobre Impacto da intelixencia artificial no sector da saúde de EIT Health España, quixo ilustrar con datos a intensa actividade dixital do Servizo Galego de Saúde, para deste xeito facela máis comprensible. Segundo dixo, cada minuto no Sergas xenéranse 2.000 imaxes dixitais para o diagnóstico clínico, dispénsanse 600 receitas e xestiónanse 370 citas clínicas. O noso sistema de saúde produce 150 millóns de datos ao ano e 400.000 rexistros ao día.

Destacou así mesmo Comesaña que, grazas a este desenvolvemento dixital, a día de hoxe é posible a monitoración remota dun doente que está no seu domicilio, a teleconsulta hospitalaria sen que o paciente teña que saír do ámbito da atención primaria ou a consulta médica telefónica. Comeseña referiu que, o feito de contar cunha estratexia de dixitalización, permite que, por exemplo, un facultativo, a 200 quilómetros de distancia, dea unha segunda opinión sobre un proceso clínico; ou que sirva de apoio aos compañeiros que están atendendo a un paciente de ictus nun box de urxencias, algo impensable ata hai pouco.

Precisamente o traballo dos sanitarios tamén reflicte este proceso de transformación dixital, xa que os profesionais da sanidade galega teñen a súa disposición ferramentas como a historia clínica electrónica única, a teleasistencia domiciliaria, a plataforma de xestión e distribución loxística e o portal profesional, entre outras.

O conselleiro informou que, na actualidade, a Consellería está inmersa no proceso de definición dunha plataforma para crear un sistema de vixilancia epidemiolóxica empregando intelixencia artificial. Esta plataforma servirá a curto prazo, para identificar posibles gromos da covid-19, e a medio e longo prazo, para identificar tamén outro tipo de enfermidades.
 

Imaxes relacionadas