A Xunta inxecta máis de 12M€ en investimentos e subvencións para empresas e emprego nas bisbarras de Pontevedra e Caldas nos últimos cinco meses

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión de traballo coa directiva de AJE para informarlles dos apoios do Goberno galego e das liñas de axudas que teñen abertas as consellerías de Economía, Empresa e Innovación e de Emprego e Igualdade

Case 1.800 empresas, pemes, autónomos, establecementos, locais de hostalería e organismos beneficiáronse das últimas ordes de axudas e créditos impulsadas pola Xunta para a modernización e reactivación do tecido económico

Pontevedra, 5 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia inxectou 12,15 millóns de euros en investimentos, subvencións e liñas de crédito nas áreas de empresa e emprego nas bisbarras de Pontevedra e Caldas nos últimos cinco meses ao abeiro das distintas ordes e convocatorias impulsadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e pola Consellería de Emprego e Igualdade.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, informou deste apoio do Goberno galego ao tecido económico e industrial destas dúas comarcas á xunta directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Pontevedra nunha reunión de traballo e presentación celebrada esta mañá no edificio administrativo de Campolongo coa presenza do presidente da entidade, Jesús Rey Rodríguez.

Durante o encontro, o representante autonómico tamén explicou que, na actualidade, a Vicepresidencia segunda ten aberta a solicitude de axudas nas ordes de xestores para Internacionalización, Galicia Exportal Dixital, as tres de eficiencia enerxética convocadas polo Inega e outras centradas na innovación, así como o 2º Plan de Rescate para pemes, autónomos e hostalería desde a Consellería de Emprego e Igualdade.

Luis López concretou que estas achegas a pemes e autónomos de Pontevedra e Caldas “son moi importantes e amosan o compromiso da Xunta de Galicia coa xeración de emprego, a modernización, a innovación e a internacionalización do tecido económico e industrial e tamén o compromiso, baixo o formato de rescate ou compensación, con aquelas outras que precisan destas inxeccións para saír adiante polos efectos que sofren como consecuencia das necesarias restricións para frear a covid-19”.

Entre as achegas realizadas ás empresas e negocios de Pontevedra e Caldas, figuran 49 axudas por 1,12 millóns de euros nas liñas de Dixitalización 4.0, Maquinaria 4.0, Re-Acciona e Galicia Exportal Dixital, 108 créditos e microcréditos por 6,59 millóns de euros, 42 achegas a asociacións de comercio e establecementos individuais por 360.000€, tres obradoiros de emprego por 1,03 millóns de euros aos municipios de Caldas, Moraña e Valga e 1.571 pagamentos por 3,03 millóns de euros a microempresas, autónomos e locais de hostalería no marco do 1º Plan de Rescate desenvolvido entre os meses de novembro e febreiro. En total, foron 1.773 axudas concedidas a beneficiarios desta zona, ben nas liñas de modernización, ben nas ordes orientadas ao rescate socioeconómico.

Finalmente, o delegado, despois de trasladar estes datos e as opcións de futuro artelladas pola Xunta para a reactivación da economía, escoitou as demandas realizadas por AJE Pontevedra e garantiulles o “compromiso e apoio” do Goberno galego coa xeración de riqueza e emprego.

Ademais, admitiu que o papel das pemes, autónomos e emprendedores vai ser “fundamental” para o impulso da etapa post-covid e reiterou que para elo disporán da “máxima colaboración” do executivo autonómico.

Imaxes relacionadas