A Xunta impulsa 13 proxectos emprendedores de mulleres en Pontevedra e a súa bisbarra con 149.000€ en axudas do Plan Emega
O delegado territorial, Luis López, visita coa alcaldesa María Ramallo a xestoría de Mónica Plata Santín en Marín, que foi beneficiaria de 20.000€ ao abeiro das liñas Emprende e Concilia na modalidade de teletraballo
As achegas do Goberno galego permiten crear 21 postos de traballo ademais de negocios propios adicados á perrucaría e beleza, docencia, xestión económica, aloxamento e turismo, saúde, deseño de roupa ou montaxe de pezas metálicas
“As mulleres son capitais para seguir co proceso de modernización de Galicia e teñen o apoio do Goberno galego para arrancar os seus proxectos no marco das políticas de igualdade”, sinalou, antes de cifrar en 39 as axudas concedidas na provincia
Marín (Pontevedra), 8 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de impulsar 13 proxectos emprendedores de mulleres en Pontevedra e a súa bisbarra coa concesión de 149.000€ en axudas a través da última convocatoria do Plan Emega.
Para comprobar o desenvolvemento destas achegas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou en Marín, na compaña da alcaldesa, María Ramallo, a xestoría de Mónica Plata Santín, que foi beneficiaria de dúas axudas, por un importe global de 20.000€, ao abeiro das liñas Emprende e Concilia, neste último caso na modalidade de teletraballo.
O representante autonómico, que se interesou polo investimento dunhas axudas que permitiron consolidar tres postos de traballo nesta asesoría marinense, destacou a importancia do Plan Emega no camiño pola consecución da igualdade e na creación de actividade económica e emprego: “As mulleres son capitais para seguir co proceso de modernización e futuro de Galicia e saben que teñen o apoio da Xunta para arrancar os seus proxectos con maior facilidade no marco das políticas de igualdade”.
Luis López revelou que a Consellería de Emprego e Igualdade aprobou un total de 39 axudas ao abeiro desta convocatoria na provincia de Pontevedra e 13 deles corresponderon a mulleres do Concello de Pontevedra e da súa bisbarra. Ademais dos proxectos da capital, un total de cinco, tamén se apoiaron dous en Valga e Caldas de Reis e un en Marín, Sanxenxo, Campo Lameiro e Cuntis.
As liñas do Plan Emega son acumulables entre si e distribúense, segundo a solicitude e as necesidades das beneficiarias, nas categorías Emprende, que outorgou 9 nesta comarca; Activa, que aportou catro; e Concilia, que concedeu outras catro nas modalidades de teletraballo, acordo ou promotoras.
Estas achegas do Goberno galego a prol do emprendemento feminino na bisbarra permitiron crear, en conxunto, 21 postos de traballo, ademais de impulsar ou consolidar 13 negocios propios adicados á perrucaría e beleza, a docencia e a formación, a xestión económica e laboral, o aloxamento e turismo, a saúde e o benestar, o deseño de roupa ou a montaxe de pezas metálicas.