A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá o recinto portuario de Marín
Medio Ambiente colabora cos portos galegos para reforzar a súa seguridade a través dos sistemas de avisos e incidencias meteorolóxicas
Galicia conta cun total de 157 estacións meteorolóxicas, o que se traduce en máis dun milleiro puntos sensoriais de medicións
A Xunta amplía a Rede de Observación meteorolóxica da ría de Pontevedra cunha nova estación que permite coñecer unha mellor incidencia das actividades comerciais en toda a zona de servizo do porto de Marín
Os datos rexistrados poden consultarse na web de Meteogalicia e son unha información de utilidade para garantir que as operacións de carga e descarga se realicen en condicións atmosféricas seguras
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora cos portos galegos para reforzar a súa seguridade a través dos sistemas de avisos e incidencias meteorolóxicas. Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita á zona portuaria de Marín, na que -grazas a unha colaboración coa Autoridade Portuaria- se instalou unha nova estación meteorolóxica.
Con este novo equipamento, a rede de estacións meteorolóxicas de Galicia está formada por 157 instalacións que suman máis de 1.104 sensores de medición repartidos por toda a xeografía galega.
A conselleira trasladou que esta colaboración coa Autoridade Portuaria de Marín, que se suma á que se mantén coa de Coruña, Vigo e tamén con Portos de Galicia, permite ampliar a rede de observación meteorolóxica da ría de Pontevedra.
Deste xeito, na ría de Pontevedra existen sete estacións meteorolóxicas (Cabo Udra, Lourizán, Pontevedra-Campolongo, Castrove, Sanxenxo, Ons -na entrada da Ría- e no porto de Marín) que rexistran datos sobre a velocidade e dirección do vento, da sonda de temperatura e da humidade, a chuvia, a presión atmosférica e a radiación solar global.
A modo de exemplo, explicou que estas instalacións permiten rexistrar o vento de fondo da ría a nivel do mar polo que en tempo real -a través da web de Meteogalicia- se achega información ao centro de control das operacións de carga e descarga, o que permitira definir as condicións de seguridade necesarias en cada unha das actividades que habitualmente se realizan no porto.
Este tipo de instalacións axudan a controlar a incidencia do clima marítimo atlántico na seguridade de acceso dos buques ao porto ou na manipulación de mercancías, polo que unha diagnose ou predición meteorolóxica e oceanográfica, de xeración de alertas e de rexistro de parámetros ambientais en tempo real é de utilidade para o correcto desenvolvemento da actividade portuaria.
Este tipo de acordos permiten colaborar na creación de portos cada vez máis seguros non só a nivel laboral, senón tamén medio ambiental, defendeu Ángeles Vázquez.