Máis de 1.600 profesionais do sector do transporte por estrada formáronse o ano pasado en Lugo co apoio da Xunta
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as achegas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade serviron para organizar 203 cursos na provincia
Está aberta unha nova convocatoria de axudas para programar actividades formativas ao longo deste ano
As entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada teñen de prazo para solicitalas ata o 11 de abril
As axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para impartir formación aos profesionais do sector do transporte por estrada permitiron realizar 203 cursos na provincia de Lugo o ano pasado nos que participaron 1.665 persoas.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen sinalou que actualmente está aberta unha nova convocatoria desta orde de subvencións dotada con 400.000 euros para financiar os plans formativos durante o ano 2021.
As achegas van dirixidas ás asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que se integren no Comité Galego de Transportes por Estrada.
O prazo de solicitude está aberto ata o día 11 de abril e as entidades interesadas deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar ao longo deste ano.
Os colectivos beneficiarios poderán mellorar as capacidades dos seus asociados en diferentes eidos, como a formación continua do persoal de condución; a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais; o transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras; e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.
Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional.