Luis López pon en valor a “aposta decidida” da Xunta pola formación e o emprego en Vilagarcía de Arousa cun investimento de 716.000 € en dous obradoiros

O delegado territorial visita a iniciativa 'Forme 2020' co alcalde, Alberto Varela, e destaca o seu traballo a prol da inserción laboral nas modalidades de Carpintaría e Moble e Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia

O representante autonómico revela que o Goberno galego inviste 3 millóns de euros en oito obradoiros e un Programa Integrado de Emprego para formar a 250 persoas da comarca do Salnés e confirma que está en marcha outra convocatoria

Vilagarcía de Arousa, 25 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá as actividades do obradoiro de emprego Forme 2020, concedido polo Goberno galego ao Concello de Vilagarcía de Arousa a finais do pasado ano, e puxo en valor a “aposta decidida” pola formación e a inserción laboral na capital do Salnés co desenvolvemento de dúas destas iniciativas cun investimento de 716.000 €.

“O compromiso e as inquedanzas da Xunta de Galicia pola formación e a creación de emprego sempre foron moi fortes e, no actual contexto de crise sanitaria, máis aínda, xa que é a nosa principal preocupación, só por detrás da protección da saúde dos galegos, para frear os efectos da pandemia”, detallou o representante autonómico.

Luis López engadiu que Vilagarcía de Arousa “ocupa un lugar prioritario no deseño das políticas de emprego por parte da Xunta de Galicia, xa que se trata do motor económico dunha bisbarra puxante de máis de 100.000 habitantes”.

Por elo, a Consellería de Emprego e Igualdade outorgou a este concello os obradoiros Labora Xove 2020, orientado a menores de 30 anos e que ten un orzamento de 369.000 €, e o citado Forme 2020, no que se invisten 347.000 € e cuxa actividade foi supervisada polo delegado territorial na compaña do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

Esta iniciativa conta cunha vintena de persoas desempregadas e desenvolverase, baixo o formato dual que inclúe a posibilidade de tres meses de prácticas en empresas da contorna, ata finais do mes de setembro nas modalidades de Traballos de Carpintaría e Moble e Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia.

“Trátase de dous módulos moi interesantes, xa que contan con bastante saída laboral, algo especialmente importante nas actuais circunstancias, polo que quero convidar aos participantes a que aproveiten esta experiencia, que ademais está remunerada cun salario mensual, e gañen os necesarios coñecementos e prácticas para adentrarse de novo e con forza no mercado laboral”, sinalou Luis López, que resaltou que o Goberno galego “traballa arreo para que todo o mundo dispoña de oportunidades de inserción”.

Ademais das cuestións formativas, o delegado territorial tamén destacou os beneficios, en forma de obras e servizos públicos, que o obradoiro aportará a Vilagarcía, xa que, ao abeiro do mesmo, elaborarase a manterase mobiliario para edificios e sinalizacións municipais e melloraranse espazos como os parques Castriño e Ravella e as zonas de Miguel Hernández, Cadavelo e Rosa de Carril e tamén prestarase atención sociosanitaria a usuarios de servizos sociais e xestión telefónica para usuarias da Concellería de Muller.

Finalmente, Luis López revelou que a Xunta de Galicia está a investir neste momento máis de 3 millóns de euros en políticas formativas de emprego para 250 persoas na comarca do Salnés co desenvolvemento de oito obradoiros nos concellos de Vilagarcía, Vilanova e Cambados e a Mancomunidade do Salnés -un dual e un de xóvenes en cada administración- e dun Programa Integrado de Emprego. Ademais, indicou que xa se está a traballar nunha nova convocatoria destas actividades, que contan coa participación das administracións da comarca.

Imaxes relacionadas