Luis López reúnese coa asociación de veciños de Raxó para informarlle do estudo para a mellora da súa zona portuaria

O delegado territorial confírmalles que Portos de Galicia está a analizar distintas vías de colaboración co Concello de Poio para a remodelación da contorna litoral de Raxó-Covelo

Lembra que a Xunta xa acometeu as obras prioritarias nesta zona e que se traballa en alternativas para actuar “do xeito máis acaído para os intereses dos veciños”
 

Pontevedra, 31 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de manter unha reunión coa Asociación de Veciños de Raxó para informarlle de que Portos de Galicia está a estudar as distintas opcións de remodelación e mellora da zona portuaria e litoral de Raxó-Covelo.

O representante autonómico, que atendeu deste xeito a petición de encontro cursada polo colectivo veciñal, confirmoulles que hai dous meses celebrouse unha reunión de traballo entre Portos de Galicia e o Concello de Poio na que se sentaron as bases para establecer distintas vías de colaboración orientadas á adecuación desta contorna da costa.

Durante todo este tempo estase procedendo ao estudo e análise de distintas opcións para esta zona portuaria co obxectivo de emprender unha actuación conxunta, entre a administración autonómica e local, para este espazo e incluso para os demais portos e peiraos do Concello de Poio.

Luis López lembroulles que a Xunta de Galicia xa acometeu as obras prioritarias para esta zona en base ao proxecto deseñado hai unha década de acordo co Concello, pero admitiulles que o Goberno galego “non se conforma con iso e segue co seu compromiso de constante remodelación cunha zona portuaria e litoral de gran importancia, polo que está a avaliar novas alternativas de mellora”.

En todo caso, o delegado territorial deixou claro que a Xunta de Galicia “vai actuar na zona de Raxó-Covelo, sempre que se determine como recomendable, do xeito máis acaído para os intereses xerais dos veciños”, polo que pediulles un pouco de tempo ata que conclúa o estudo de todas as alternativas de remodelación desta contorna.
 

Imaxes relacionadas