Luis López salienta o "traballo imprescindible" de Protección Civil de Pontevedra na atención das emerxencias e operativos da cidade e trasládalle o apoio da Xunta

O delegado territorial visita a base da Agrupación de Voluntarios co Xefe do Servizo de Emerxencias Provincial, Miguel Pérez Dubois, para coñecer o seu funcionamento e as súas necesidades

Mantén unha reunión co seu presidente e responsable, Hermenegildo Rodríguez, e destaca o “labor altruísta” dos 19 integrantes da entidade

A agrupación dispón dun furgón, un remolque de emerxencias, un xerador eléctrico e un desfibrilador concedidos pola Xunta e a Axega

Pontevedra, 21 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou esta tarde o “traballo imprescindible” da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Pontevedra na atención das emerxencias, incidencias e operativos que se producen na cidade e a súa contorna e trasladoulles o apoio do Goberno galego no desenvolvemento deste labor.

O representante autonómico acudiu ata a base da entidade, emprazada na rúa Leonardo Enríquez, xunto ao Xefe do Servizo de Emerxencias Provincial, Miguel Pérez Dubois, para coñecer o seu funcionamento e recibir as súas necesidades da man do seu presidente e responsable, Hermenegildo Rodríguez, con que mantivo unha reunión tras percorrer as instalacións.

“Quero poñer en valor, porque é de absoluta xustiza e merecido recoñecemento, o traballo altruísta que fan os 19 integrantes desta entidade, sacrificando en moitas ocasións tempo para estar coas súas familias ou para o seu lecer, simplemente pola vocación de servizo aos demais”, significou o delegado territorial.

Luis López, que coñeceu o parque móbil e os materiais dos que dispón Protección Civil de Pontevedra, reiterou o compromiso da Xunta co seu axeitado funcionamento e coa concesión de equipos cos que atender á cidadanía, especialmente nos casos de emerxencias. Así, o Goberno galego concedeulle nos últimos anos a esta entidade un furgón, un xerador eléctrico, un desfibrilador e un remolque de emerxencias a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega).

Finalmente, e tras lembrar que a agrupación tamén ten recibido estes últimos anos algunhas subvencións da Xunta para gastos ordinarios de funcionamento vencellados ao Camiño Portugués e o Xacobeo, solicitou á cidadanía que “colabore e valore as actuacións desta entidade, que moitas veces pasan desapercibidas, pero que son fundamentais para soster a calidade de vida e as comodidades propias da nosa sociedade”.

Imaxes relacionadas