A comisión de seguimento do convenio da Ponte Vella de Ourense acorda a posta en servizo do ‘Skate park’ para liberar o espazo actual e avanzar nas obras de posta en valor da ponte
Os técnicos abordaron o cambio de emprazamento inicial do ‘pump track’ cara ao Parque das Letras, solicitado polo Concello de Ourense
Esta mañá reuniuse a comisión de seguimento do convenio de posta en valor da Ponte Vella de Ourense na que se acordou a entrada en servizo, maña venres, do ‘skate park’ para liberar o espazo, a carón da capela dos Remedios, e poder avanzar no desenvolvemento das obras de urbanización previstas no proxecto de posta en valor da ponte.
Na reunión entre técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, de Patrimonio e do Concello tamén se tratou, a petición deste último, o cambio de emprazamento do ‘pump track’ debido á presenza, na zona inicialmente prevista para o seu emprazamento, no parque do Couto, de infraestruturas xa existentes de difícil mobilidade, como as canalizacións de gas, e por cuestións medioambientais, para garantir o mantemento das árbores existentes.
Deste xeito, o Concello propuxo o Parque das Letras como lugar definitivo para instalar o pump track. Segundo trasladaron os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas as obras comezarán unha vez se dispoña dos permisos administrativos pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño Sil e do departamento estatal de Estradas.
A actuación de posta en valor da contorna da Ponte Vella, na que Xunta inviste 1,1 millón de euros, está chamada a resaltar a monumentalidade deste conxunto emblemático entre a ponte e a Capela dos Remedios, reforzando o vínculo entre estes dous elementos patrimoniais e ofrecendo unha imaxe máis integrada, máis humana e máis amable para os veciños e veciñas de Ourense, pero tamén para os turistas e os peregrinos.
A actuación, que responde a un traballo conxunto e coordinado entre as Consellerías de Infraestruturas e de Cultura e o Concello de Ourense tras o convenio de colaboración asinado, busca acrecentar o potencial turístico de Ourense como cidade vinculada ao río Miño e ao Xacobeo. A ponte, ademais de ser o principal símbolo da cidade, tamén forma parte da Vía da Prata.
Os traballos que está a executar actualmente a Xunta dan continuidade aos xa realizados en 2016, coa 1ª fase de posta en valor da Ponte Vella, na que o Goberno galego investiu máis de medio millón de euros.
O investimento total da Xunta na recuperación e posta en valor desta contorna supera os 1,5 millóns de euros.