A Xunta demanda maior peso para fomentar o emprego autónomo e a economía social nos fondos estatais para políticas activas de emprego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe, xunto cos seus homólogos autonómicos na Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais convocada polo Ministerio de Traballo e Economía Social

A Xunta insiste en demandar maior flexibilidade no uso dos fondos para políticas activas de emprego destinados a formación

Galicia recibirá case 170 millóns de euros para incentivar o emprego, modernizar os servizos públicos de emprego e para formación

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe desde Santiago de Compostela de xeito virtual, xunto cos representantes doutras Comunidades Autónomas, na Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, convocada polo Ministerio de Traballo e Economía Social. A representante galega avogou pola necesidade de flexibilizar o destino dos fondos de formación para o emprego para poder lanzar propostas máis adaptadas ás necesidades do empresariado galego.

A Xunta votou a favor do reparto dos fondos para o desenvolvemento de políticas activas de emprego que en 2021 suporá 169,9 millóns de euros Galicia. Esta contía representa o 8,05% do total a repartir entre as Comunidades Autónomas entre os fondos para incentivos ao emprego, os destinados á modernización dos servizos públicos de emprego e un último eixo para formación. Precisamente para este último, para o de formación, a conselleira insistiu unha vez más en demandar “flexibilidade” para poder destinar os cartos a unha cualificación máis adaptada ás necesidades do tecido produtivo galego.

O Goberno galego, por outra banda, está a amosar preocupación polo “escaso peso” que o Ministerio de Traballo e Economía Social está a outorgar nas políticas de emprego ao eixo do emprendemento, máis concretamente, ao fomento do emprego autónomo e/ou ao apoio á creación de economía social -cooperativas e sociedades laborais- que adquiren unha relevancia especial no caso da Comunidade galega.

Para a Xunta é prioritario impulsar novas empresas e novas iniciativas para dar resposta ás novas necesidades da economía e da sociedade en xeral. Os programas de emprego desenvolvidos pola Comunidade buscan apoiar a posta en marcha de novos negocios e permitir a consolidación e transformación dos xa existentes.

Na Conferencia Sectorial de hoxe, por outra banda, acordouse a apertura dun foro que trate de xeito específico a empregabilidade das persoas con discapacidade, unha demanda que entidades como Cogami vén de facer valer ante a Consellería de Emprego e Igualdade e que permitirá, tal e como demanda a Xunta, avanzar na análise do mercado laboral e a discapacidade.

Imaxes relacionadas