A Xunta apoia ao concello de Arbo no acondicionamento do Museo Arabo e o centro multiusos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos realizados en ambos edificios ao abeiro dunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público

A Xunta leva investidos 1M€ no municipio en proxectos coma estes destinados a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, así como outras actuacións ambientais, co obxectivo de contribuír a mellorar o benestar da veciñanza
 

Arbo (Pontevedra), 3 de maio de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o Museo Arabo e o centro multiusos do concello de Arbo, tras as actuacións de acondicionamento levadas a cabo para reparar as humidades e filtracións de ambos edificios municipais, e que contaron cunha axuda da Xunta de 28.000 euros no marco da Orde de Infraestruturas de uso público.

O Goberno galego colabora así, tal e como destacou Natalia Prieto, na mellora das infraestruturas e servizos municipais do concello para contribuír ao benestar e á calidade de vida dos cidadáns. Ademais, no caso do Museo Arabo, sinalou que as obras realizadas permitiron recuperar este Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, un lugar desde o que se divulga a historia, o patrimonio, a etnografía, a cultura e a gastronomía do concello.

Tanto neste museo como no edificio multiusos reparáronse as filtracións na cuberta e noutras zonas, así como os problemas de entrada de auga nas distintas dependencias. Ademais, a Xunta apoiou con esta axuda a adquisición de novo equipamento audiovisual no centro multiusos e un novo equipo de iluminación para o escenario do auditorio deste edificio, onde se levan a cabo distintas actividades culturais.

A directora xeral de Administración Local incidiu en que esta actuación é un dos moitos exemplos de colaboración neste concello coa Xunta. De feito, o Goberno galego ten investido nos últimos anos ata 1 millón de euros a través desta Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Compensación Ambiental,

En canto á Orde de Infraestruturas de uso público coa que se financian as reparacións no Museo Arabo e o centro multiusos a Xunta destina 4 millóns de euros desta liña de axudas aos concellos galegos para crear ou mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Ademais, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, que na convocatoria deste ano o Goberno galego inviste 11 millóns de euros, o Goberno galego vén colaborando en Arbo en melloras ambientais relacionadas coa recollida do lixo, o saneamento ou a eficiencia enerxética do alumeado público e as instalacións municipais.
 

Imaxes relacionadas