Trenor traslada o seu apoio á familia de Diego Bello e demanda ao Goberno do Estado que se implique para restablecer a honra do mozo coruñés
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta tarde coa familia de Diego Bello para trasladarlle o seu apoio e colaboración. Neste senso, recalcou a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e exerza cantas accións políticas, diplomáticas e xudiciais sexan necesarias para o esclarecemento" dos feitos e a depuración das responsabilidades para restablecer a honra de Diego Bello.
Trenor lembrou que o pasado 27 de abril o Parlamento de Galicia demandou publicamente ao Goberno estatal que presione por vías políticas, diplomáticas e xudiciais ante as autoridades de Filipinas para esclarecer os feitos que rodean a morte do mozo coruñés, en xaneiro de 2020, no país asiático a mans de policías filipinos.