O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse hoxe na Rúa con representantes municipais da comarca

A Xunta asesora ao persoal de 10 concellos da comarca de Valdeorras sobre a aplicación das novas Directrices da Paisaxe

A Rúa (Ourense), 14 de maio de 2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou esta mañá aos concellos da comarca ourensá de Valdeorras a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entraron en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou esta mañá o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos da Rúa, Larouco, O Bolo, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Petín e Viana do Bolo no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no Centro Cultural Avenida, na Rúa.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva dous meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta dá valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.
 

Imaxes relacionadas