A Xunta ofrece preto de 765.000 metros cadrados de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% sobre o prezo de venda
Unha vez resolto o concurso de venda de 2021, a empresa pública Xestur poderá adxudicar de forma directa as parcelas que aínda ten dispoñibles
As condicións e os prezos a aplicar nestas operacións serán os mesmos polos que se rexeu o concurso público convocado o pasado mes de febreiro
A Xunta de Galicia ofrece a prezos bonificados preto de 765.000 metros cadrados de solo empresarial en 17 polígonos da súa propiedade repartidos por toda a Comunidade.
Unha vez resolto o concurso de venda de parcelas industriais nos parques que xestiona Xestur, ábrese agora a posibilidade de adxudicar de forma directa aquelas parcelas que aínda seguen dispoñibles, polo que as empresas interesadas en facerse con algunha delas poden contactar coa empresa pública.
A adxudicación directa deste solo industrial realizarase nas mesmas condicións e aplicando os prezos establecidos no concurso público convocado o pasado mes de febreiro e cuxa resolución se fixo pública a semana pasada.
En total, Xestur pon á disposición do tecido empresarial interesado en asentarse en Galicia, ou en ampliar as súas actuais instalacións, 254 parcelas con bonificacións sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, segundo o seu emprazamento.
As adxudicacións poderán realizarse tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie. Neste segundo caso, os adxudicatarios só pagarán un pequeno canon anual, equivalente ao 1,5% do prezo total da parcela (sen bonificación) durante os dous primeiros anos, coa posibilidade de solicitar o primeiro de carencia, repartindo o pago do canon correspondente a ese período nas cinco anualidades seguintes.
Os adxudicatarios en dereito de superficie tamén terán a opción de comprar posteriormente esas parcelas, descontando do seu prezo o 40% do pagado en concepto de canon e aplicando a bonificación vixente no momento da adxudicación, se a adquisición se realiza durante os primeiros seis anos.
Cómpre subliñar que no concurso de venda de solo empresarial resolto por Xestur a finais do pasado mes de abril, adxudicáronse 23 parcelas en sete parques empresariais cunha superficie total de 66.269,46 metros cadrados e un aforro para as 16 empresas beneficiarias de máis de 2,6 millóns de euros respecto do prezo de mercado.
SOLO PROPIEDADE DE XESTUR DISPOÑIBLE PARA ADXUDICACIÓN | ||||
PARQUE | NÚMERO PARCELAS | SUPERFICIE TOTAL DE PARCELAS | PREZO MÍNIMO E MÁXIMO POR m2 | % BONIFICACIÓN |
Arteixo (Morás) | 29 | 106.709,00 | 86,10 - 130 | 30 |
Santiago (A Sionlla) | 49 | 204.347,50 | 80,50 - 145,60 | 30 |
Negreira | 2 | 5.747,00 | 48,30 | 30 |
Arzúa | 1 | 2.011,00 | 42 | 30 |
Carballo (Bértoa) | 13 | 58.643,00 | 32,99 - 45,97 | 50 |
Cedeira | 36 | 38.677,00 | 34,17- 37,50 | 50 |
Ortigueira | 43 | 50.748,00 | 27 -30 | 50 |
Cervo | 10 | 19.965,83 | 20 -26,50 | 50 |
Lugo (As Gándaras) | 5 | 50.116,00 | 47,5 | 50 |
Viveiro | 11 | 34.542,54 | 35 -37,5 | 50 |
Mos (Veigadaña) | 5 | 21.917,00 | 107,1 - 126 | 30 |
Pontecaldelas (A Reigosa ) | 13 | 110.972,28 | 53,678 - 70 | 30 |
Lalín | 2 | 6.523,00 | 63 - 70 | 30 |
Silleda | 4 | 12.974,66 | 44 - 61,6 | 30 |
Arbo | 19 | 21.964,20 | 30 - 35 | 50 |
Vilamarín | 11 | 17.474,04 | 33,12 - 43,75 | 50 |
Pereiro de Aguiar | 1 | 1.461,00 | 40 | 50 |
TOTAL | 254 | 764.793,05 | ||