A Xunta incorpora a 248 traballadores fixos descontinuos ao servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que este incremento de persoal por seis meses faise efectivo todos os anos antes da chegada do verán, de acordo coas necesidades de programación e planificación

Lugo, 16 de maio de 2021

A Consellería do Medio Rural reforzou esta semana o Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPIF) na provincia de Lugo coa incorporación de 248 traballadores fixos descontinuos para un período de seis meses.

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que a Xunta sempre incrementa o persoal neste momento do ano para dar un pulo aos traballos recollidos no Plan preventivo antes do comezo da tempada de alto risco.

Este plan suporá o investimento de case 30 millóns de euros, para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outras accións.

O operativo refórzase nos cinco distritos forestais que cobren a provincia, especialmente nas categorías profesionais de bombeiro forestal (66 novos traballadores) e condutores de motobomba (66). Tamén se contrata persoal na categoría de xefe de brigada, bombeiro forestal condutor, técnicos forestais, emisoristas e vixilantes, entre outros.