O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse en Sanxenxo con representantes municipais da comarca
A Xunta asesora ao persoal de 10 concellos da comarca do Salnés sobre a aplicación das Novas Directrices da Paisaxe
O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou aos concellos da comarca do Salnés a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.
Así llo trasladou o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Sanxenxo, Meaño, Poio, Meis, Ribadumia, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva dous meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.
A Xunta dá valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.