A Xunta acomete melloras e labores de acondicionamento no campamento de Ponte Maril para a campaña de verán 2021 cun investimento de 57.000€

O delegado territorial, Luis López, supervisa os traballos nesta instalación xuvenil, que inclúen unha remodelación integral e o saneamento do bosque interior

O campamento forcaricense, un dos nove da provincia habilitados para as actividades estivais de Xuventude neste 2021, terá sete quendas entre xullo e agosto

“A Xunta ten preparado un verán intenso para a mocidade, no que iremos recuperando a normalidade, pero que será seguro dende o punto de vista sanitario con menos aforos, máis monitores e reforzo das medidas hixiénicas”, explica.

Forcarei, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a acometer un plan de melloras e labores de acondicionamento integrais no Campamento Xuvenil de Ponte Maril, no Concello de Forcarei, de cara á Campaña de Verán 2021 cun investimento de 57.000 euros.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da xefa territorial de Política Social, María José Pérez Izaguirre, achegouse esta mañá ata estas instalacións para supervisar os traballos, que inclúen a remodelación completa das instalacións e o saneamento do bosque interior.

“A Dirección Xeral de Xuventude ten preparado un verán intenso para a mocidade dada a boa evolución da pandemia coa vacinación e por iso queremos ir recuperando a normalidade, pero en todo caso as actividades dos campamentos van ser moi seguras dende o punto de vista sanitario, posto que haberá menos aforos, máis monitores e reforzo das medidas sanitarias”, explicou o representante autonómico, que engadiu que estas obras “tamén contribúen a contar cunhas mellores instalacións, máis ventiladas e modernas e preparadas para que non haxa problemas coa covid-19”.

Os traballos que se están a desenvolver no Campamento de Ponte Maril consisten no saneamento das salas, instalación de alxibes e quentadores, o pintado xeral, a revisión das cubertas, a reparación dos mobles deteriorados, a renovación das fiestras do edificio de enfermaría, a mellora completa da zona da piscina incluíndo a súa bancada e o pechamento, a limpeza de residuos vexetais e limos, a reparación do peche perimetral nos puntos danados, o pintado das pistas deportivas, a renovación dos portais de acceso e a poda e a roza da masa arbórea.

Por outra banda, no que se refire ás instalacións de servizos, estase a proceder á colocación de tubaxes e reposición das billas nos barracóns de duchas e inodoros, a dotación de billas mesturadoras temporizadoras para os lavabos, o recambio das canalizacións de auga quente e fría con pezas de aceiro antiferruxe, a reparación de plaquetas e azulexos, a implantación de alumeado con tecnoloxía Led nas estancias de cociña, comedor, enfermaría e xerencia e a revisión e acondicionamento de caleiros. Así mesmo, tamén se están a preparar as bases das tendas de campaña e as pistas deportivas con tarefas de limpeza a base de auga a presión.

Deste xeito, a Consellería de Política Social agarda que as instalacións forcaricenses, unhas das nove que hai na provincia de Pontevedra para a campaña O Verán Que Mereces 2021 e unha das dúas que acollerá prazas de inclusión, estean renovadas en poucas semanas para acoller ás mozas e mozos, de 9 a 14 anos de idade, dende o día 1 de xullo, que é cando comezarán as sete quendas de actividades xuvenís programadas este ano en Ponte Maril. Este campamento desenvolverá as súas iniciativas ata o 21 de agosto cos programas Aventura na Natureza e Pequecho Aventura, centradas principalmente no medio natural.

“Este investimento é un máis dos moitos que está a realizar a Xunta de Galicia en todos os ámbitos de servizos públicos, áreas sociais e infraestruturas no concello de Forcarei e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego coas necesidades e cos intereses xerais dos veciños do municipio”, concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas