A Xunta mellora os camiños municipais do Rial e da Toxa, no concello de Pontecesures, para favorecer a seguridade viaria e a súa conexión interior e co casco urbano

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Manuel Vidal Seage, supervisan esta actuación, na que se investiron 25.000€ do Plan Marco 2019-2020

A Consellería do Medio Rural vén de incrementar a dotación deste programa para Pontecesures e outórgalle 36.000€ para o presente exercicio

“Os núcleos rurais do Toxa e Carreiras precisaban desta obra para estruturar mellor as súas vías e favorecer a mobilidade cara a capital municipal”, di o representante
 

Pontecesures, 31 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, subvencionou as obras de mellora dos camiños municipais do Rial e da Toxa, ambos no Concello de Pontecesures, para reforzar a seguridade viaria dos seus núcleos rurais e modernizar a súa conectividade interior e co casco urbano.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Pontecesures, Manuel Vidal Seage, achegáronse esta mañá ata a zona para supervisar esta actuación, na que se investiron 25.000 euros ao abeiro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020.

“Os núcleos rurais da Toxa e Carreiras, que son os principais beneficiarios deste investimento, precisaban desta obra para dar continuidade a outras anteriores realizadas polo Concello para estruturar mellor as súas vías e favorecer a mobilidade cara a capital municipal e neste tipo de actuacións sempre poden contar coa Xunta de Galicia”, explicou o representante autonómico.

A actuación centrouse nestas dúas aldeas, que contan cunha trama viaria continua a base de pequenas pistas, cunha anchura de entre 2 e 5 metros, e cuxo estado do firme estaba deteriorado en diversos puntos polo paso do tempo e a intensidade do tráfico. Porén, acometeuse a mellora integral do acceso principal nun treito correspondente ao Camiño do Rial, xa que o outro foi renovado recentemente polo Concello, e ao inicio do Camiño da Toxa.

Nestes espazos realizouse a limpeza das marxes, un fresado de cinco centímetros de grosor, o varrido da plataforma, a aplicación da rega de adherencia, a dotación dunha nova capa asfáltica, a reforma das tapas dos pozos e das arquetas e o pintado das marcas de sinalización.

Durante a visita a esta actuación, o delegado territorial informoulle ao alcalde de Pontecesures de que a Consellería do Medio Rural vén de incrementar a partida do Plan Marco 2021 para o municipio, xa que lle outorgou para este ano 36.464 euros co obxectivo de que poida continuar coa modernización das súas infraestruturas rurais.

En total, a comarca de Caldas disporá, ao abeiro deste programa, de 278.000 euros para a mellora de camiños municipais no presente exercicio coa seguinte distribución de fondos: 43.168 euros para Portas, 44.305 euros a Caldas de Reis, 44.880 euros a Cuntis, 39.022 euros a Valga, 37.373 euros a Catoira, 33.001 euros a Moraña e os xa citados 36.464 euros a Pontecesures.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural