Máis de 300 escolares galegos achegaranse en xuño ao coidado do territorio con visitas guiadas no marco do ‘Proxecto Terra’

Desde hoxe e ata o vindeiro día 18, alumnos dunha decena de centros educativos de Primaria e Secundaria percorrerán os principais puntos de interese de Santiago de Compostela, Allariz, Pontevedra e Ferrol

No curso escolar 2020-2021 un cento de colexios están a participar nalgunha das actividades promovidas pola Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021-

Máis de 300 escolares galegos pertencentes a unha decena de colexios de Primaria e Secundaria terán a oportunidade de coñecer, desde hoxe e ata o vindeiro 18 de xuño, algúns dos lugares máis emblemáticos de Santiago de Compostela, Allariz, Pontevedra e Ferrol co fin de que poidan comprobar con exemplos prácticos en que consiste o coidado do territorio.

Con estas visitas —dirixidas e guiadas por arquitectos— dáse continuidade ás accións desenvolvidas no marco do Proxecto Terra para difundir no eido educativo aspectos relacionados coa arquitectura, o territorio e a paisaxe. Cómpre lembrar que esta iniciativa naceu no ano 2000 baixo a tutela do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, co cofinanciamento da Xunta e da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e a colaboración doutros organismos, tanto de carácter público como privado.

Durante o curso 2020-2021 están a participar nas actividades programadas case un cento de centros educativos de toda Galicia. En concreto, nas accións englobadas dentro do Plan Proxecta, nas que se traballan liñas como o dereito ao hábitat, a transformación dos espazos escolares, a paisaxe ou o territorio, participaron 27 centros de Primaria e Secundaria. Así mesmo, en marzo e abril un total de 32 colexios realizaron a actividade Eu son inspector@ Urbanístic@. Coida do Territorio, coida do teu, na que colaborou persoal da APLU.

Finalmente, o pasado mes de maio comezaron as xa mencionadas visitas guiadas por vilas e cidades galegas, dirixidas a alumnado de todas as etapas educativas obrigatorias co fin de achegalos a puntos de interese como poden ser o Centro de Educación Ambiental do Rexo ou o conxunto arqueolóxico de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz; o barrio da Magdalena, Ferrol Vello, o castelo de San Felipe e as Fragas do Eume en Ferrol; o barrio da Tinería e a Muralla de Lugo; o centro histórico de Pontevedra e o Centro de Investigación Forestal; ou a zona monumental de Compostela e o parque de Bonaval, entre outros.

A visita a Santiago, ademais, incluirá un percorrido pola exposición conmemorativa 20 anos de Proxecto Terra, inaugurada o pasado 30 de abril, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Grazas a esta mostra, que permanecerá aberta ata o 27 de xuño, os visitantes poden desfrutar dunha escolma composta por 40 paneis cos traballos académicos realizados por algúns dos centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Superior participantes no proxecto ao longo das súas dúas décadas de vida.

A conmemoración do 20 aniversario do proxecto, que a covid obrigou a pospoñer, inclúe a programación de diversos actos e actividades ao longo do presente exercicio, entre as que cómpre subliñar a mostra xa mencionada ou as visitas guiadas complementarias para os centros educativos que as solicitaron.

As actuacións impulsadas este ano polo equipo de traballo do Proxecto Terra, que lideran membros de Arquitectura Sen Fronteiras, ten como reto principal celebrar estas últimas dúas décadas recollendo o legado da alma e motor indiscutible do proxecto: o arquitecto e profesor Xosé Manuel Rosales.
 

Imaxes relacionadas