A Xunta destina 320.000€ en axudas a 46 establecementos da bisbarra do Morrazo para acondicionar as terrazas e favorecer as vendas a domicilio
Os delegados territoriais de Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, informan destas achegas, orientadas a dar a máxima seguridade sanitaria e fomentar o impulso do sector, nunha visita realizada a Los Tres Monos de Aguete, en Marín
Estas subvencións están destinadas a instalacións de peches, compra de mobiliario, adaptación de espazos exteriores e adquisición de envases e o seu orzamento cuadriplicouse ata alcanzar os 11 millóns de euros en toda Galicia
Os delegados territoriais da Xunta de Galicia en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, veñen de informar hoxe que o Goberno galego acaba de aprobar axudas por importe de case 320.000 euros para 46 establecementos de hostalaría da bisbarra do Morrazo para o acondicionamento de terrazas e o impulso das vendas a domicilio no marco das medidas paliativas para o sector fronte á crise sanitaria da covid-19.
Os representantes autonómicos, acompañados pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, revelaron as achegas este mediodía nunha visita a Los Tres Monos de Aguete, que é un dos beneficiarios desta orde de axudas, coa que se pretende dotar da máxima seguridade á hostalaría, xa que a mesma está orientada á instalación, reforma e pechamento de terrazas, compra de mobiliario, adaptación de espazos exteriores e adquisición de elementos de envasado para o servizo a domicilio.
No que se refire ás axudas a esta bisbarra, a Xunta aprobou achegas para 16 establecementos de Cangas do Morrazo, dez de Moaña, dez de Marín e outros tantos emprazados no Concello de Bueu. Os beneficiarios investirán, de xeito global, case 400.000 euros e para elo recibirán axudas por un importe total de 317.923 euros da Xunta de Galicia, o que supón un cofinanciamento do 80%.
Gran interese polas axudas
“Esta medida, de gran importancia xa que axuda a conferir seguridade sanitaria aos establecementos e a impulsar as súas vendas, tanto no local como a domicilio, nun momento especialmente complicado pola covid-19, espertou un gran interese e moita demanda por parte do sector da hostalaría, especialmente de zonas costeiras e turísticas, como é o caso do Morrazo, o que demostra que as liñas da Xunta están indo en consonancia coas necesidades desta actividade económica”, explicaron os representantes autonómicos, que revelaron que inicialmente orzamentouse unha partida de 3 millons de euros para estas achegas pero, ante a elevada cifra de solicitudes, tivo que cuadriplicar o seu crédito ata alcanzar os 11 millóns.
A distribución destas achegas na bisbarra do Morrazo é a seguinte:
Concello | Beneficiarios | Investimento | Axuda |
Cangas do Morrazo | 16 | 126.293€ | 101.539€ |
Moaña | 10 | 85.086€ | 68.068€ |
Marín | 10 | 87.708€ | 70.167€ |
Bueu | 10 | 97.686€ | 78.149€ |
TOTAL | 46 | 397.403€ | 317.923€ |