A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública na Tinería, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, subliña a aposta do Goberno galego pola recuperación urbanística e social do barrio, “que pasa por seguir rehabilitando inmobles e atraer novos veciños e veciñas”

Lugo, 17 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou hoxe en réxime de alugamento dúas vivendas de promoción pública no casco histórico de Lugo. Unha delas está situada na Travesía do Miño, mide 58,5 metros cadrados de superficie, ten dous dormitorios e tamén conta con rocho. A outra é un apartamento de 42,5 metros cadrados e cun dormitorio situado na rúa Tinería.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega e subliñou a aposta do Goberno galego pola recuperación urbanística e social do barrio, “que pasa por seguir rehabilitando inmobles e atraer novos veciños e veciñas”. Neste sentido, sinalou que a Consellería xestiona un parque de preto dun centenar de vivendas na zona, “e están practicamente todas ocupadas xa que tan pronto unha queda baleira adxudícase de novo, logo de realizar os traballos de reparación ou reforma que precise, de ser o caso”.
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), rehabilitou desde 2001 un total de 40 edificios do emblemático barrio, que posteriormente converteu en 96 vivendas e 23 locais comerciais.
Proba do compromiso que a Xunta de Galicia ten coa zona da Tinería é que, ao marxe dos grandes proxectos futuros como a Casa da Torre e o Pazo de Doña Urraca, nesta zona leva anos desenvolvendo actuacións dirixidas á recuperación de inmobles e a asentar poboación. De feito, só nos últimos 12 anos o Goberno Galego leva investidos máis de 26 millóns de euros na compra, rehabilitación e adxudicación de vivendas.

Imaxes relacionadas